Site icon Crónica3.com A Mariña

15 persoas optan a 5 becas de artesanía e deseño de 12 mil euros convocadas pola Deputación

Nota de prensa

15 persoas optan ás primeiras becas de artesanía e deseño da provincia

– A Deputación publicou este mércores, tanto no taboleiro de anuncios do INLUDES como na web www.centrad.org, os admitidos na selección das 5 bolsas de estudos, dotadas de 12.000 euros cada unha, e dun ano de duración

– Unha vez que transcorra o prazo legal de presentación de alegacións, avaliarase a experiencia profesional e o proxecto dos participantes, puntuando este proceso cun máximo de 7 puntos, para logo realizar unha entrevista persoal que contará como moito 3 puntos

– Deputación e Concello de Lugo convocaron estas becas despois de finalizar o programa conxunto de Lugo 10 e o Aniversario do Centrad

A Deputación publicou este mércores, tanto no taboleiro de anuncios do INLUDES como na web www.centrad.org, a listaxe de admitidos no proceso de selección das primeiras becas de artesanía e deseño da provincia. Das 20 persoas que formularon a inscrición, 5 quedaron excluídas por non entregar toda a documentación requerida, ou por facelo fóra do prazo marcado nas bases do concurso. 15 lucenses con formación ou experiencia profesinal nos sectores da artesanía e deseño optan agora ás 5 bolsas dotadas de 12.000 euros cada unha, e cun prazo de duración dun ano. A Deputación e o Concello de Lugo convocaron estas axudas despois de finalizar o programa conxunto de Lugo 10 e o Aniversario do Centrad.

Logo de que transcorra o prazo legal establecido para a presentación de alegacións, -5 días hábiles-, procederase a avaliación do curriculum e do proxecto de cada solicitante. Este proceso puntuará como máximo 7 puntos. As persoas que acaden as notas máis altas participarán na proba definitiva: unha entrevista persoal que contará como moito 3 puntos.

As bolsas buscan conservar e potenciar o deseño e a artesanía na provincia, un sector económico moitas veces esquecido polas administracións, e que constitúe un nicho de emprego, así como unha actividade importante para o futuro económico de Lugo. Por iso, as están destinadas a:

1. Aumentar as vendas dos artesáns lugueses. A base de datos co catálogo de artesáns da Consellería de Industria non está actualizada. É imprescindible facer un estudo de campo para actualizar o rexistro de artesáns así como dos produtos que poden ofrecer ó consumidor, requisitos imprescindibles para aumentar as vendas. Os bolseiros poden ser investigadores, historiadores, documentalistas, artesáns…

2. Axudar ás familias cos custes de formación. A formación en Artes non é habitual nos programas educativos, excepto nalgún caso de cerámica. Isto esixe un enorme esforzo económico ás familias cando un dos seus fillos necesita continuar cos seus estudios ou especializarse, xa que o máis habitual é ter que facelo fóra de Galicia.

3. Facer rendible o traballo en equipo de deseñadores de moda ou complementos e artesáns. Esta unión ten na actualidade excelentes resultados que Deputación e Concello queren ampliar en Lugo. A fusión é unha nova vía de negocio que ten moitas posibilidades como nicho de emprego.

4. Innovar os produtos artesanais. Moitos artesáns lugueses traballan dun modo tradicional e descoñecen como aproveitar as tecnoloxías. Mellorar os procedementos de traballo, desde a creación do produto ata a posta a venda, é o obxectivo desta bolsa aberta tamén a perfís como deseñadores industriais, artesáns, investigadores, informáticos, etc.

5. Potenciar a fábrica de Sargadelos. A Deputación amosou de moitas formas o seu apoio incondicional á fábrica de Sargadelos, en Cervo, unha firma de deseño e creación de porcelana con máis de dous séculos de historia vencellados á cultura galega en tódolos eidos da creatividade. A fábrica recibiu con gran interese esta nova oferta da institución provincial para que deseñadores ou artesáns podan ter no centro unha bolsa de estudos no sector da cerámica.

Exit mobile version