Site icon Crónica3.com A Mariña

A cadete do Burela FSF Pescados Rubén, Silvia Rubal, debutou na máxima categoría

Nota de prensa

SILVIA RUBAL: ‘As indicacións das miñas compañeiras fixéronme sentirme a gusto na pista’

A última incorporación do Burela FSF Pescados Rubén, a cadete Silvia Rubal debutou esta fin de semana na máxima categoría, no tramo final ante o Cidade das Burgas (1-7), con moita temperanza. “Cando Pardeiro me avisou para quentar púxenme moi nerviosa, pero os consellos e indicacións das compañeiras fixéronme sentirme a gusto na pista” dixo a ala laranxa.

“Creo que o equipo ensinou un dos seus mellores xogos ante As Burgas, con moita posesión e precisión na estratexia” explicou a pupila de Javier Pardeiro, que tamén fixo referencia ao seu rol no Burela FSF: “Espero que o adestrador me dea algún minutiño máis ata final da tempada para ir asimilando a categoría e mellorar paseniño a miña formación”.

Un dos comentarios que correu polo vestiario laranxa ao finalizar o encontro dos Remedios foi a ansiada posibilidade de meterse no podio: “O Burela FSF fixo o que debía para chegar á terceira praza; como o Navalcarnero e o Ponte non xogaban ata o día seguinte estabamos intranquilas, pero ao final o resultado acompañounos e estamos aí”.

A falta de seis xornadas para o remate ligueiro, Silvia confía no potencial das burelistas: “O terceiro posto é merecido por todo o traballo da tempada; será complicado conservalo, pero pódese conseguir mantendo a liña evolutiva que o equipo vén demostrando dende o comezo da competición”, concluíu a xogadora burelá.

Exit mobile version