Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-A Mariña conmemora o Día Internacional da Clase Traballadora cunha manifestación en Viveiro

NOTA PRENSA
CIG- A MARIÑA CONMEMORA O DÍA INTERNACIONAL DA CLASE TRABALLADORA CUNHA MANIFESTACIÓN EN VIVEIRO.

1º DE MAIO: POLO EMPREGO, NON ÁS REFORMAS DO CAPITAL. DEFENDAMOS OS NOSOS DEREITOS.

A Confederación Intersindical Galega na Mariña celebra o Día Internacional da Clase Traballadora cunha manifestación en Viveiro. A central nacionalista conmemora un novo 1º de Maio, nesta ocasión baixo o lema “Polo emprego, non ás Reformas do Capital. Defendamos os nosos dereitos”, e anima á cidadanía mariñá a participar nesta mobilización. A manifestación sairá ás 12.00 da mañá da Praza de Lugo e rematará na Praza da Fontenova onde se procederá a ler os oportunos manifestos e a entoar o Himno Galego e A Internacional. Ao remate, coma todos os anos celebraremos un xantar de confraternización que este ano este será na Praia da Abrela. Os/as interesados/as deben antarse previamente en calquera dos nosos locais

Afrontamos a celebración deste 1º de Maio de 2011, cuns niveis de desemprego moi preocupantes (240.000 desempregados en Galiza), como consecuencia da crise económica e das políticas de recorte do investimento público levadas a cabo polo Goberno español e polo Goberno galego. A esta situación hai que engadirlle o preocupante panorama, de presente e de futuro, para a clase traballadora derivado das políticas antisociais deste goberno que se concretan na reforma laboral e na reforma das pensións, así como no recorte do gasto social e as privatizacións de empresas e servizos públicos.

Pero a cousa non vai quedar aí. Despois da reforma laboral e das pensións, agora o Goberno, xunto con por un unha parte CEOE e por outra CC.OO e UGT están a cociñar a reforma da negociación colectiva, outra “esixencia” dos mercados, que ten como finalidade a centralización da mesma alonxándoa do control da clase traballadora o que provocará máis división entre empresa e traballadores á hora de negociar as súas condicións de traballo. Trátase, en definitiva, de debilitar a negociación colectiva como ferramenta de presión na man dos traballadores e traballadoras.

O capital financieiro, a través de gobernos e institucións financieiras diversas, quere aproveitar a crise económica, e a nosa debilidade ante ela, para impor todas aquelas reformas e recortes de dereitos que sexan beneficiosos para os seus intereses. Cómpre, pois, que sigamos adiante coa mobilización, coa contestación social e coa esixencia de políticas estructurais que senten as bases dun novo modelo económico e social favorable aos intereses da clase traballadora.

POR UN POSTO DE TRABALLO. POR PENSIÓNS DIGNAS

POLO DEREITO A DECIDIR AS NOSAS CONDICIÓNS LABORAIS E SOCIAIS

CONTRA AS REFORMAS DO CAPITAL. POR UN NOVO MODELO ECONÓMICO E SOCIAL, PARTICIPA COA CIG NA MANIFESTACIÓN DO 1º DE MAIO.

Exit mobile version