Site icon Crónica3.com A Mariña

A Comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública reivindica o servizo de urxencias cun festival

Nota de prensa

“O FESTIVAL POLAS URXENCIAS”

O día 29 de Abril, ás 8 da noite, na sala Bahía, a C.F.D.S.P. celebra o “Festival polas urxencias”.
Con música e bo humor, e contando coa colaboración desinteresada de varias asociacións e artistas focegos, organizamos este festival con dous obxectivos principais:

1.- Ofrecer un homenaxe a todas as persoas que co seu esforzo e constancia na loita conseguiron obrigar aos distintos gobernos da xunta a levar a cabo importantes melloras na sanidade pública en Foz e dar pasos decisivos para a resolución definitiva do problema das urxencias.
Ao longo dos últimos anos, os homes e mulleres de Foz participaron en innumerables mobilizacións: Recollida de firmas (7954 entregadas na Consellería de Sanidade), encerros, concentracións, manifestacións, e mesmo unha folga xeral.
Os resultados deste esforzo están á vista: hoxe contamos cun novo Centro de Saúde, que, ademais dos médicos de medicina xeral, conta cos especialidades de pediatría, fisioterapia e odontoloxía; cunha ambulancia medicalizada con base en Foz que atende a todos os concellos da Mariña, e coa ampliación do servizo de urxencias no centro polas tardes de tres a dez e polas mañás do sábado e domingo.
É certo que aínda faltan as urxencias pola noite, e que hai outros servizos que deben mellorar, pero o conseguido ata agora é moi importante, e sen esa entrega xenerosa dos focegos non tería sido posible.

2.- Recordarlle a todos os veciños a necesidade de continuar adiante ata conseguir o noso obxectivo principal: as urxencias as vintecatro horas no Centro de Saúde todos os días do ano.
A loita dos focenses é parte da loita cidadán para conseguir uns servizos públicos de calidade: O que se pretende é que os poderes públicos utilicen o diñeiro que pagamos á facenda, e dicir, o noso diñeiro, en beneficio de todos nos: E a sanidade é un servizo básico, que debemos defender en todo momento.
En Foz levamos moito tempo exercendo esta presión cívica, e non debemos tirar a toalla agora que estamos máis cerca de acadar o que demandamos. Por esa razón seguiremos animando á xente a participar nos actos que se convoquen, sabendo que cantos mais sexamos a participar mais axiña conseguiremos o que en xustiza nos corresponde.
Relación de grupos que actuarán:
Banda de música de Foz
Coral de Foz
Rondalla Latexos
O Feitizo
A Subela
Os Kentakis
Tono Alonso
Mar aberto

A Comisión agradece a súa colaboración a todos os grupos e solistas que actuarán, e a todas as persoas e entidades que colaboran connosco na organización deste acto, e convida a todo o pobo de Foz a asistir.

Exit mobile version