Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aprobará este mes o Plan de Obras e Servizos de 2011 dotado con 5,5 millóns de euros

Nota de prensa:
A Deputación aprobará no Pleno deste mes o Plan de Obras e Servizos de 2011, dotado con 5,5 M€

– Máis de 1,6 millóns de euros destinaranse á mellora de catro estradas provinciais e os 3,8 millóns restantes á execución de obras de competencia municipal

– Os Concellos terán de prazo dende hoxe ata o 9 de abril para presentar as propostas coas actuacións que se executarán este ano

– A Deputación substituirá e instalará nos 39 Concellos que se adheriron á iniciativa as primeiras 125 novas marquesiñas

A Deputación aprobará no Pleno deste mes o Plan de Obras e Servizos de 2011, que está dotado con 5,5 millóns de euros, cofinanciados polo Ministerio de Administracións Públicas, o organismo provincial e os Concellos. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, sinalou que “o POS é un instrumento de cooperación cos municipios, que está a dar bo resultado porque aúna o esforzo das administracións. Dota de servizos mínimos e necesarios ós núcleos rurais como mellora de accesos, pavimentación de rúas, abastecementos de auga, mellora da rede de sumidoiros, alumeado público, acondicionamento de centros sociais ou de instalacións culturais”.

Desta cantidade, 3.838.120 euros destinaranse á execución de obras de competencia municipal, que serán financiadas do seguinte xeito: o MAP aporta o 50% (1.919.060 euros); a Deputación o 25% (959.530) e os Concellos o outro 25% (950.530 euros). Os Concellos deberán presentar as propostas coas obras que se executarán dentro desta iniciativa ata o 9 de abril. Asimesmo, 1.650.000 euros, financiados ó 50% polo Ministerio e a institución provincial, investiranse na mellora de catro estradas de titularidade provincial: a que vai de Cereixal a Louxas, dende o punto quilométrico 19,00 ó 26,500, e que comunica ós veciños de Baralla, Becerreá, Baleira, Navia de Suarna e A Fonsagrada; o treito comprendido entre o punto quilométrico 0,000 ó 7,419 da estrada de Rao por Murias a Valouta (Navia de Suarna); e de Ruanova por Sixto a Muras, dende o quilométrico 0,000 ó 5,500. Esta enlaza os Concellos de Ourol e Viveiro. Finalmente, en Sarria, acondicionaranse preto de seis quilômetros do vial que vai de Mesón de Alvaredos a San Martín de Loureiro.

Para a configuración do Plan, Antonio Gato explicou que se aplicaron os mesmos criterios que se empregaron por primeira vez en 2008. Todos os Concellos reciben un mínimo de 18.000 euros, e para fixar o resto da cantidade, valórase nun 40% a poboación de cada municipio, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación, e o 15% restante corresponde á carga fiscal. En 2010, nos municipios executárone total de 107 obras, das que 81 obras formaban parte do Plan e 26 dentro do Complementario que se fai cos remanentes das primeiras.

No caso das obras da Deputación, na anualidade anterior incluíronse dúas estradas provinciais que nestes momentos están en obras: a que vai de Areas, por Oirán, a Ver, e que comunica os Concellos de Mondoñedo, Alfoz e Foz, e a que vai de Navia de Suarna por Silvouta a Vilaquinte.

Substitución e instalación de marquesiñas

A Xunta de Goberno aprobou a proposta para a concesión das primeiras 125 marquesiñas que instalará ou substituirá a Deputación nos Concellos da provincia por valor de 215.760 euros. A este respecto, o voceiro provincial socialista subliñou que “esta é unha nova liña de colaboración que puxemos en marcha porque se trata dunha petición moi demandada polos Concellos, e que suporán un aforro no gasto corrente dos Concellos. Ademais, moitas das actuais presentan deficiencias e son practicamente inutilizables”. Está destinada a todos os, municipios agás o de Lugo por ser o municipio que conta co maior número de habitantes e con máis posibilidades orzamentarias.

En total, 39 municipios decidiron sumarse á iniciativa da Deputación, quenes realizaron 246 peticións: Abadín, Alfoz, Baralla, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, Foz, Guitiriz, Meira, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol, Palas de Rei, Pantón, Paradela, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Riotorto, Sarria, Sober, Taboada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xermade.

Para a asignación das marquesiñas tivéronse en conta o número de habitantes, as necesidades dos Concellos e a seguridade vial. Neste senso, destináronse 2 ós Concellos que non superan os 3.000 veciños; 4 ós que teñen entre 3.000 e 6.000; e 6 ós que superan a cifra anterior. Asimesmo, para a instalación priorizarase as vías da rede viaria provincia e a ubicación en espazos públicos urbanos.

Outros acordos da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno tamén aprobou os expedentes de contratación da construción de tres illas para o soterramento de contenedores en Foz e para a urbanización do Paraíso en Viveiro, dentro do convenio de 1 millón de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública. O investimento destas dúas actuacións é de 240.363 euros. Asimesmo, ratificáronse as bases das primeiras 30 bolsas de innovación convocadas dentro do In Lugo, e concedeuse a subvención de 21.500 euros para o Club Aéreo de Ribadeo.

Asimesmo, deuse o visto e prace a 13 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2010 e a unha do de 2005. Teñen un investimento de 144.913 euros, dos que a Deputación achega 97.193. Pertencen ós Concellos de Bóveda (2), Muras (2), Cervo (2), Taboada, Barreiros, Castroverde, Muras, O Saviñao, O Vicedo, Xermade e Pedrafita do Cebreiro.

Exit mobile version