Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo conta con novo secretario tras 27 anos sen cambios

Nota de prensa

A Deputación conta cun novo Secretario tras 27 anos

– José Mourelle Cillero toma posesión do seu cargo este luns, ás 9:30 horas, no Salón de Plenos, ante a presencia do Presidente, Vicepresidentes e os portavoces dos grupos políticos
– É un acto sen precedentes na institución lucense nas últimas décadas, ó tratarse da substitución dun dos técnicos de maior responsabilidade no organismo provincial
– Cillero é Licenciado en Dereito, Ciencias Políticas, Máster en Administracións Públicas, especializado en contratación e recursos humanos, ademais de profesor na Universidade

Tras 27 anos, a Deputación de Lugo contará cun novo secretario logo de que este luns, ás 9:30 horas, no Salón de Pleno do Pazo de San Marcos, José Mourelle Cillero tome posesión do seu novo cargo, ante a presencia do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, dos Vicepresidentes, Antón Bao, Lara Méndez e María José Vega, así como dos portavoces de todos os grupos políticos con representación na institución lucense.

Trátase dun acto sen precedentes no organismo provincial nas últimas décadas, ó tratarse dun dos técnicos de maior responsabilidade na institución lucense xunto á Interventora -persoal de control dos Orzamentos-. O Secretario é o encargado de convocar os Plenos e Xuntas de Goberno, de elaborar a orde do día destas sesións, así como de dar conta e custodiar os acordos acadados. Entre outras funcións, debe informar de todas as actuacións levadas a cabo pola institución, así como dos decretos, convenios, protocolos ou estudos aprobados pola Presidencia e distintas áreas de xestión.

José Mourelle Cillero é Licenciado en Dereito, Ciencias Políticas e Máster en Administracións Públicas pola Universidade Complutense de Madrid. Está especializado en contratación administrativa e recursos humanos. Compaxina a súa actividade funcionarial coa de docente na Escola Politécnica Superior da Universidade “Alfonso X el Sabio”. Desempeñou gran parte da súa carreira profesional no Concello de Lugo do que é funcionario coa categoría de Letrado Asesor, cargo do que se atopa en excedencia. Entres outros postos, foi Director da MUNPAL na Coruña, e Secretario da Delegación de Sanidade en Lugo.

O novo Secretario substituirá a Faustino Martínez Fernández que, dende 1983, exerceu este cargo acadando, entre outros logros, a compensación de tasas coa Seguridade Social polos doentes do hospital San Rafael. Esta foi a primeira vez en España que unha entidade local gañou un contencioso destas dimensións a dito organismo.

Exit mobile version