Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación divulga a e-Administración aproveitando a afluencia de xente da Semana Santa de Viveiro

Nota de prensa

A Deputación aproveita a gran afluencia de xente da Semana Santa de Viveiro para divulgar a e-Administración

– Veciños e visitantes poden coñecer hoxe e mañá na aula de formación itinerante do programa Innova-TE como facer trámites vía Internet, cun importante aforro de tempo e diñeiro, e familiarizarse co uso das novas tecnoloxías

– Besteiro estivo este sábado na carpa @, aberta na explanada do pavillón deportivo de Covas, en horario de 12:00 a 14:30 e de 16:30 a 22:00

– A instalación ofrece moi diversas actividades para todas as idades, como obradoiros formativos, xogos, sorteo de material tecnolóxico imprescindible para usar a Administración Electrónica, e simuladores de última xeración

– O Presidente confirma que a Xunta de Goberno adxudicará o luns as obras de acondicionamento do CENIMA, novas dotacións para a piscina municipal e a mellora da rede viaria municipal de Foz

A Deputación de Lugo continúa esta fin de semana en Viveiro a súa campaña de divulgación e concienciación sobre a Administración Electrónica aproveitando a gran afluencia de xente que se concentra na cidade con motivo da celebración da Semana Santa. O organismo provincial terá instalada hoxe e mañá na explanada do pavillón deportivo de Covas a carpa @, que mostra dunha maneira directa, sinxela e amena como funciona a e-Administración e a súas vantaxes. O seu horario de apertura é de 12:00 a 14:30 e de 16:30 a 22:00 horas.

O Presidente Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde, Melchor Roel, visitou este sábado a aula itinerante de formación, que forma parte do programa Innova-TE, desenvolvido pola Deputación con fondos europeos para implantar a Administración Electrónica no propio ente provincial e nos Concellos. As persoas que se achegan a ela poden aprender como realizar trámites a través de Internet, dunha maneira máis áxil e eficaz, e cun importante aforro de diñeiro e tempo. A moderna instalación, de 230 metros cadrados, cor vermella e forma de @, familiariza ademais ós cidadáns co uso das novas tecnoloxías. Para elo ofrece un amplo abano de orixinais actividades pensadas para tódalas idades, como obradoiros, xogos, sorteos de diverso material tecnolóxico imprescindible para usar a e-Administración, e mesmo simuladores de última xeración.

Esta é a segunda parada da carpa na cidade do Landro trala súa estancia o pasado mes de agosto, durante as festas patronais. Naquela ocasión, na que tamén estivo aberta dous días, recibiu a uns 13.700 visitantes. A primeira e obrigada parada da aula é un taller de DNI electrónico, a chave que deben utilizar os usuarios para acceder á Administración Electrónica e facer trámites on line. Logo de realizar este obradoiro, cuxos asistentes reciben un diploma acreditativo, os visitantes poden participar en sorteos de diverso material tecnolóxico, como lectores de DNI, chaves USB, ebooks (lectores de libros electrónicos) e netbooks (ordenadores portátiles de baixo custe e reducidas dimensións).

Nesta carpa pioneira tamén hai novas actividades que non se realizaran ata o momento en Viveiro, como unha pantalla táctil co libro guía das rutas do programa Km0 da Deputación; así como o denominado espazo “365”, unha aplicación de apoio escolar para nenos e pais, na que, entre outras opcións, poden crear o seu propio “avatar”; e unha aplicación de realidade aumentada, estas dúas últimas cedidas por Movistar. Como verdadeiro espazo tecnolóxico, a @ conta con sinal wifi gratuíta para conectarse a Internet, grazas á colaboración da empresa Vodafone.

Dispón ademais dunha pista de baile virtual, na que pequenos e maiores poden simular distintos escenarios e pasos de danza grazas a un ordenador e unha pantalla de plasma. Esta actividade é unha colaboración do Centro de Innovación Social “In Lugo”, un servizo pioneiro no Noroeste de España impulsado pola Deputación que se dedica á innovación empresarial no campo do benestar social.

Experiencias empresariais

A aula formativa do Innova-TE dá a coñecer así mesmo as experiencias de empresas da provincia que implantaron con éxito as novas tecnoloxías no seu modelo de negocio tradicional. Nesta ocasión, as firmas participantes son Porco Celta da Fonsagrada e a adega Vía Romana de Chantada, que expoñen a súa actividade e produtos, e ofrecen degustacións.

Obras Xunta de Goberno

Durante a visita á carpa formativa, o Presidente tamén confirmou que a Xunta de Goberno do vindeiro luns aprobará a adxudicación de novas obras na Mariña. Trátase, concretamente, do acondicionamento de salas de exposición e cafetería do CENIMA, a instalación de “spa” na piscina municipal, así como do equipamento de infraestruturas básicas e mellora da rede viaria municipal con aglomerado, no municipio de Foz. Estas actuacións inclúense dentro do convenio de 1 millón de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública, subscrito co rexedor do municipio mariñano, José María García Rivera. En total, estas obras suman 230.000 euros. Gómez Besteiro tamén indicou que avanzan a bo ritmo as do campo de fútbol de herba artificial e que o resto das actuacións, que o organismo provincial executará no marco deste acordo, están en proceso de adxudicación.

Asimesmo, tanto Gómez Besteiro como o Alcalde viveirense participaron na Festa de Pascua de Covas, na que ademais de artesanía e produtos autóctonos, contou cunha degustación de mexillón. En total, unhas 800 persoas se deron cita na cita festiva coa que a organización recauda fondos para a celebración das festas tradicionais desta localidade.

Exit mobile version