Site icon Crónica3.com A Mariña

A deputación oferta 30 bolsas de emprego no campo da innovación

Nota de prensa

Aberto o prazo para solicitar as 30 bolsas de emprego que oferta a Deputación no campo da innovación

– As persoas interesadas deben descargar o formulario na páxina web www.deputacionlugo.org e presentar antes do 12 de abril a documentación no Rexistro da sede do organismo provincial

– Poden demandalas titulados lucenses no paro e ofrecen 6 meses de traballo remunerado facendo traballos tecnolóxicos nunha entidade sen ánimo de lucro

O prazo de inscrición nas 30 bolsas de emprego que ofrece por vez primeira a Deputación de Lugo no campo da innovación abriuse este domingo e finalizará o próximo 12 de abril. Esta iniciativa, promovida polo organismo provincial a través do Centro de Innovación Social In Lugo -pioneiro en Galicia- está dirixida a titulados lucenses desempregados e oferta 6 meses de emprego, remunerado con 800 euros mensuais, en entidades sen ánimo de lucro que desexan desenvolver novos proxectos tecnolóxicos para potenciar a súa actividade. Deste xeito, ó tempo que se dá traballo a persoas que actualmente se atopan en paro, os colectivos participantes contarán, sen custe algún, cun novo servizo. Os interesados en optar a estas becas deben descargar o correspondente formulario de inscrición na páxina web www.deputacionlugo.org e presentar a documentación no Rexistro Xeral da Deputación antes do 12 de abril.

A lista provisional de admitidos publicarase o 15 deste mes e a definitiva, o día 20. Seguidamente, o día 25, terán lugar as entrevistas de selección e o 28 farase pública a lista de persoas beneficiarias das 30 bolsas, que comezarán a traballar o día 2 de maio.

Os requisitos que deben cumprir os interesados son os seguintes: estar empadroado nalgún dos concellos de Lugo; estar licenciado, diplomado ou posuír Formación Profesional relacionada coas actividades a desenvolver; ademais de estar en paro, e non gozar doutra beca ou axuda neste momento. En calquera caso, as bases da convocatoria pódense consultar na web da Deputación.

Para a elección dos beneficiados, avaliarase o expediente académico, a experiencia profesional e a memoria do proxecto a desenvolver. Esta parte puntuarase cun máximo de 7 puntos. A entrevista persoal, que se realizará posteriormente, contará un máximo de 3 puntos.

Entidades participantes

As entidades nas que desenvolverán o traballo son:

– Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL): o proxecto a desenvolver neste colectivo consiste na identificación das necesidades tecnolóxicas e de produtos innovadores no sector agroalimentario da provincia, ademais da transferencia desta información ós traballadores neste campo.

– Asociacións de Jóvenes Empresarios (AJE), de Empresarias de Lugo e Empresarial de Industria de Transformación do Polígono do CEAO: formación especializada ós empresarios para coñecer as necesidades das entidades en materia de innovación e facilitar o cambio de cultura nos procesos empresariais.

-Universidades de Santiago de Compostela. Aula TIC: elaboración dunha guía de boas prácticas no emprego da Administración Electrónica dirixida ós cidadáns e ás entidades sen ánimo de lucro.

-Universidade da Coruña. CITIC: creación de produtos e servizos informáticos dirixidos á empresa.

As primeiras bolsas de emprego no sector da innovación da provincia súmanse ás becas medioambientais de Lug02, das que xa se benefician 18 mozos lucenses, e as 5 primeiras bolsas de artesanía e deseño de Lugo, dotadas con 12.000 euros cada unha e que se resolverán nos vindeiros días.

As axudas convocadas a través de In Lugo responden ós obxectivos deste centro, promovido pola Deputación e cofinanciado polo Ministerio de Industria nun 88,9% mediante o Plan Avanza, consistentes en fomentar o aprendizaxe, o intercambio de experiencias, a especialización profesional, o aumento das posibilidades de inserción laboral e o desenvolvemento das iniciativas innovadoras, así como favorecer a incorporación das novas tecnoloxías nas empresas.

O Centro de Innovación Social tamén busca achegar as TIC á sociedade lucense, sobre todo ós colectivos máis desfavorecidos, e fomentar o envellecemento activo. Para elo, ademais destas bolsas, estanse a celebrar diversas actividades totalmente gratuítas e dirixidas a todos os públicos, como obradoiros, cursos e seminarios, tanto nas súas instalacións, como polo resto da provincia ó contar con equipos itinerantes.

Exit mobile version