Nota de prensa
A Deputación facilita ós lucenses maiores de 50 anos tratamentos termais
– Besteiro e Buján presentaron “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago”, o programa que subvenciona servizos en balnearios e casas rurais, situadas nas rutas Xacobeas da provincia
– A Deputación ofrece, dende agosto e ata decembro, descontos de 34 euros por persoa nos balnearios de Lugo, Guitiriz, Palas de Rei e Pantón, e nas casas rurais da zona
– En xuño, todos os interesados poderán solicitar unha praza mediante Internet, na web www.deputacionlugo.org, ou de xeito presencial no rexistro do Pazo de San Marcos
Gómez Besteiro salientou que “unha das principais conclusións ás que chegamos no Congreso de Turismo que celebremos na Deputación, é que hai vida despois do Xacobeo. Por iso impulsamos unha iniciativa que aposta pola saúde e o benestar para reactivar a economía. Este programa está vinculado ó turismo, ós Camiños de Santiago que atravesan a provincia, e ó sector hoteleiro. É unha alianza porque se ó sector privado lle vai ben, a nós tamén”.
Na presentación da programación estivo, ademais do Presidente e da Vicepresidenta Terceira da Deputación, o membro do Consello Reitor do Inludes, Manuel Dacosta, e o Subdirector Xeral da cadena OCA Hoteles, Arturo Rodríguez, quen salientou que a iniciativa da Deputación “estimula o benestar social mediante os tratamentos termais, apoia as infraestruturas hoteleiras, ó tempo que impulsa un sector como o turismo, que representa o 40% da riqueza do país”.
Descontos por persoa
O programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago” ofrece, dende agosto e ata decembro, descontos de 34 euros por persoa nos seguintes paquetes:
– 6 días con 5 noites de estancia
– 5 pensións completas con comidas e ceas incluídas
– día de entrada domingo: cea e aloxamento
– día de saída venres: almorzo e xantar
– 2 técnicas de balneario durante 4 días
– 1 recoñecemento médico
– de luns a xoves: programa de animación sociocultural
As 1.750 prazas do programa distribúense da seguinte maneira, en función das posibilidades expostas por cada centro: Balneario de Lugo Termas Romanas, 50 prazas; Balneario Oca Río Pambre, 100 prazas; Guitiriz Hotel Balneario & Golf Club, 450 prazas; Oca Augas Santa Balneario Golf Resort, 750 prazas; Casas de Turismo Rural na Ulloa, Terras do Miño e Ribeira Sacra, 400 prazas.
No mes de xuño, o organismo provincial abrirá o prazo de solicitude para que todos veciños maiores de 50 anos poidan solicitar unha das 1.750 prazas mediante a páxina web do organismo provincial, www.deputacionlugo.org, ou de forma presencial no rexistro do Pazo de San Marcos.
Riqueza termal da provincia
A provincia lucense conta con 4 balnearios situados a pé dos Camiños Primitivo, Francés e de Inverno que, segundo datos dos propios establecementos, reciben ó ano 120.000 persoas, xerando un volume de negocio de 7 millóns de euros. A maiores, ó situarse en zonas rurais, os balnearios contribúen ó asentamento poboacional. As mesmas fontes indican, que estas instalacións xeran máis de 200 postos de emprego directos na provincia. Na tempada alta, que transcorre dende marzo a setembro, esta cifra ascende ós 300. Deste xeito, con esta iniciativa, que conta cun presuposto de 60.000 euros, a Deputación contribúe a manter centos de traballos na provincia.