Site icon Crónica3.com A Mariña

A diocese de Mondoñedo afirma a súa vontade de promover o uso do galego no ámbito relixioso

Nota de prensa:
AS DIOCESES REAFIRMAN A SÚA VONTADE DE IMPULSAR PROGRAMAS DE ACTUACIÓN PARA PROMOVER O GALEGO NO ÁMBITO RELIXIOSO

Ao longo deste ano, a Diocese de Mondoñedo-Ferrol e a de Tui-Vigo desenvolverán diversas iniciativas con este fin, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2011.- Favorecer a presenza da lingua galega nas actividades relixiosas que organizan para os seus fregueses. Ese é o obxectivo dos programas de actuación que as dioceses de Mondoñedo-Ferrol e de Tui-Vigo desenvolverán durante este ano no marco de cadanseu convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As dúas dioceses reafirmaron a súa vontade de realizar en 2011 diversas iniciativas para promover o galego e, deste xeito, impulsar a extensión do seu uso na actividade eclesial. Por unha banda, no marco de colaboración coa secretaría xeral, a Diocese de Mondoñedo-Ferrol –que atende unha freguesía de máis de 300.000 persoas– ofrecerá información en galego desde a súa páxina web e tamén utilizará a lingua propia de Galicia na folla diocesana Dumio, no Boletín Oficial do Bispado, así como nos libros de nomeamentos, libros de ordenación, e libro de defuncións de sacerdotes. Tamén se inclúe no convenio o impulso do idioma en todas as delegacións de pastoral da diocese.

Por outra banda, a Diocese de Tui-Vigo elaborará nesta lingua a edición actualizada da Guía diocesana, que recolle os datos institucionais de concellos, organismo, asociacións e movementos, arciprestados e parroquias. Así mesmo, redactarán en galego o Libro de arciprestados de Tui-Vigo: a Louriña, que abrangue todas as parroquias pertencentes á comarca do Porriño.

Promover o galego na actividade diocesana

A través da colaboración co estas institucións, a Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsa a realización de iniciativas para favorecer a incorporación progresiva do uso do galego nas delegacións diocesanas e nas actividades de tipo relixioso que se levan a cabo nas parroquias e comunidades das dioceses, así como tamén na expedición da documentación, como circulares internas e publicacións divulgativas.

Exit mobile version