Co notable avance das obras de urbanización da nova praza dos Campos, en San Ciprián, continuamos na tarefa emprendida polo Goberno municipal para recuperar un espazo cen por cen público e cen por cen libre de edificacións e facelo ademais, sen custe algún para as arcas municipais, grazas ao convenio asinado coa Xunta de Galicia, que achega con este fin un investimento superior ao millón de euros.
Calquera veciño que teña a oportunidade de pasear polas rúas da Península da Paz observará o intenso traballo que se desenvolve neste espazo céntrico do pobo. Comprobará a potencionalidade dun amplo solar que tras liberarse do rigor do ladrillo, ofrece unha ampla área que constituirá nun tempo breve o punto neurálxico das principais celebracións, eventos e actividades do noso pobo.
Cómpre agora desenvolver un traballo intenso cuxo resultado final será que todos os veciños veremos multiplicadas as zonas arboradas, as áreas de repouso e o número de prazas para o estacionamento de vehículos, así como melloradas as redes de saneamento, alumeado público, teléfono e outros servizos do contorno. Contará cun novo pavimento que combina granito, formigón e asfalto, xunto cun moderno mobiliario urbano, as máis amplas zonas de lecer infantil, canchas de xogo, e outros espazos multifuncionais que ofrecen unha imaxe dun San Ciprián moderno que mira ao seu futuro.
Pero coa nova praza dos Campos caen tamén os fantasmas que interesadamente algúns pretenderon promover: A totalidade do terreo estará libre de edificación urbanística algunha, o que pecha a boca aos especuladores do rancor. Coa mesma calidade e servizos apostamos pola unión da comunidade educativa, alí onde outros promovían a división e o enfrontamento. Mentres que algúns se obcecan por enganar aos veciños e rexeitar os investimentos que chegan desde a Xunta –os mesmos que son incapaces de traer nada positivo para o seu pobo alí onde teñen responsabilidade de Goberno- outros traballamos sen descanso para que o conxunto do Concello de Cervo sexa receptor de investimentos en beneficio dos seus veciños.
O noso pobo seguro sairá gañando co que para San Ciprián significa hoxe e mañá, a nova praza públicas dos Campos, a nova residencia con centro de día que xa está en execución, o novo porto deportivo, cuxo proxecto xa está redactado, ou as melloras no abastecemento, saneamento ou as depuradoras que hoxe se están a construír. Cervo gaña, cando gañan os seus veciños. Atrás quedan os tempos onde por decisión expresa duns poucos non existiamos para a Xunta bipartita, non existiamos no mapa de investimentos, achegas que hoxe seguen a negarnos desde a Deputación, por exemplo bloqueando a necesaria e urxente ampliación do Museo do Mar.
Jose Manuel Balseiro Orol