Site icon Crónica3.com A Mariña

A oficina de turismo de Burela e o barco museo recibiron máis de 1.500 persoas na semana santa

Coincidindo cos pasados festivos instalaron cinco señalizadores de planta e recursos turísticos

Nota de prensa

GONZÁLEZ LEGAZPI ASEGURA QUE BURELA INCREMENTA CADA ANO A SÚA POSICIÓN COMO DESTINO TURÍSTICO DA MARIÑA. A OFICINA DE TURISMO E O BARCO MUSEO FORON VISITADOS NOS FESTIVOS DA PASADA SEMANA POR ALGO MÁIS DE 1.500 PERSOAS.

Burela, 26 de abril de 2011. A oficina de turismo e o barco museo recibiron algo  máis de 1.500 persoas durante a semana santa. O concelleiro de Turismo asegura que Burela incrementa de forma notoria e significativa a súa condición de destino dentro da Mariña.
José González Legazpi sinalou que “dende a oficina de turismo de Burela e do barco museo se ten rexistrado nestes cinco días festivos unha afluencia de visitantes de proporcións semellantes ás do verán e máis do doble do pasado ano polas mesmas datas.  Dende o mercores día 20 ata o domingo 24 algo máis mil cincocentas persoas estiveron a interesarse polo noso concello e tamén pola comarca da Mariña na nosa oficina de turismo e no barco museo”. Segundo o edil de Turismo “a procedencia maioritariamente foi da nosa comunidade autónoma, principalmente do eixo atlántico, seguida de Asturias e tamén foi moi representativa a afluencia de persoas chegadas dende a capital de España e do norte peninsular, concretamente de Cantabria e País Vasco, pero tamén de Castela-León, Valladolid, Salamanca… en definitiva acreditase o interese do turismo de cercanía que na actual conxuntura económica ten unha maior posibilidade de acomodación para o visitante, ao tempo que se manteñen tamén algúns achegamentos procedentes de países europeos”.
O concelleiro nacionalista considera que “isto é o resultado do traballo que se ven facendo na divulgación e participación en certames de ámbito indistinto e que fan posible o achegamento de visitantes ao noso concello en épocas non estacionais como foron estes pasados festivos de semana santa. Ademais con toda seguridade nos posicionan en condicións moi favorables de cara ao incremento de visitantes a Burela durante o vindeiro verán”.
Influencia na economía local
González Legazpi engadiu que “estamos satisfeitos da información positiva que nos fan chegar dende os locais de hostalería de Burela ao respecto da afluencia de visitantes durante estes días e da súa boa repercusión. Tamén unha boa parte do comercio local nos achegou información no mesmo sentido, sobre todo na xornada do sábado, non só das persoas que se deixaban ver pola rúa, senon incluso das vendas que se produciron; por tanto este esforzo de cara á proxección turística do concello tamén representa unha condición positiva para os sectores socioeconómicos locais e un avance progresivo nas políticas de cara ao afianzamento na desestacionalización e por conseguinte no desenvolvemento xeral do turismo en Burela”.
Instalación de monolitos
O concelleiro de Turismo tamén deu a coñecer que “coincidindo cos pasados festivos foron instalados os cinco señalizadores de planta e recursos turísticos referenciados como  Burela e o mar, Burela centro, Burela arte e natureza, Burela luminosa e Burela patrimonio natural e artístico. Representan unha nova iniciativa que promove posicionamentos de calidade como destino turístico para o noso concello”.

Exit mobile version