Site icon Crónica3.com A Mariña

Na piscina municipal de Cervo asesoran para mellorar a condición física

Nota de prensa:
MÁIS DE 60 PERSOAS RECIBEN NA PISCINA MUNICIPAL ASESORAMENTO ESPECÍFICO PARA MELLORAR A SÚA CONDICIÓN FÍSICA

Esta iniciativa da concellería de Deportes está levándose a cabo por persoal contratado polo Concello para dar continuidade ó programa piloto “Plan Galicia Saudable” posto en marcha a finais do pasado ano en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia

Cervo, 1 de abril de 2011.- O concelleiro de Deportes de Cervo, Rubén Fernández, indicou hoxe que actualmente son máis de 60 as persoas que están recibindo asesoramento nas instalacións da piscina municipal de Lieiro para mellorar a súa condición física mediante programas individualizados e específicos ás súas necesidades e características morfolóxicas.

Fernández lembrou que esta iniciativa é continuación do plan piloto “Galicia Saudable” posto en marcha o pasado mes de novembro coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. “Daquela, comezamos unha labor que resultou ser moi ben acollida pola xente nos dous meses que durou. Por iso, unha vez rematado ese plan piloto a nivel galego do cal formamos parte, decidimos continuar co xa feito e contratamos a dous licenciados en INEF e de dous socorristas máis para que asesoraran e realizaran o control individualizado de todas aquelas persoas que desexen realizar a práctica do deporte de xeito continuado e controlado” recalcou Fernández.

Forte inversión

Ao fío disto, lembrou que esta potenciación na atención ós usuarios da piscina municipal veu aparellada cunha inversión superior ós 80.000 euros na mellora desta infraestrutura deportiva e das súas dotacións. “Fixemos unha inversión de 60.000 euros gracias ao apoio da Secretaria Xeral para o Deporte para arranxar distintos problemas que presentaban as instalacións e logo modernizamos o ximnasio cunha partida de 21.000 euros, dos cales 8.000 foron froito doutra axuda da Xunta e á que é xusto agradecerlle especialmente o seu compromiso con Cervo. E xa ultimamente adquirimos tamén unha máquina elíptica que virá a completar a dotación xa existente no ximnasio” indicou o edil responsable da área de Deportes de Cervo.

Fernández sinalou que as máis de 60 persoas que actualmente están a recibir asesoramento personalizado dos profesionais da piscina municipal divídense nun porcentaxe de 60% homes e 40% mulleres. Así mesmo indicou que no caso dos homes as franxas de idade que máis utilizan este servizo personalizado son os que van entre os 18 e os 22 anos e tamén os maiores de 62; mentres que no caso das mulleres, son fundamentalmente as maiores de 40 anos as que acoden á piscina para seren asesoradas na súa mellora física.

Acua-Gym

Ademais de ofertar a posibilidade da práctica da natación no seu vaso de dimensións olímpicas, a piscina tamén oferta outros servizos específicos coma cursos de aprendizaxe e perfeccionamento de natación para todas as idades. Así mesmo -e grazas tamén ás novas contratacións realizadas polo equipo de Goberno local- retomáronse outras actividades que xa tiveran moita aceptación en edicións pasadas. Este é o caso de clases periódicas de acua-gym (ximnasia na auga) que se veñen desenvolvendo desde o pasado mes de febreiro.

Exit mobile version