Site icon Crónica3.com A Mariña

A revista Amencer do seminario Santa Catalina de Mondoñedo recolle un monográfico sobre Del Riego

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA PARTICIPOU EN MONDOÑEDO NA PRESENTACIÓN DO ÚLTIMO NÚMERO DA REVISTA “AMENCER”

Este último número da revista que editan os rapaces do Seminario Santa Catalina de Mondoñedo está dedicada integramente á figura de Francisco F. Del Riego

MONDOÑEDO, 14 de abril de 2011. O delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou esta tardiña en Mondoñedo na presentación do último número da revista “Amencer”, que elaboran os alumnos do Seminario de Santa Catalina desde 1982, co que están a piques de cumprirse os 30 anos de existencia da mesma. Na presentación da revista, ademais de Antonio Veiga, tamén participaron o alcalde de Mondoñedo, Orlando González, o coordinador da revista, Félix Villares, e o equipo de redacción da mesma, formada por Álvaro Barreira, David Otero, Luís Torreira, Marc Silva, Braulio Casavella e Juan José Montouto, ademais de por Miguel Ángel Rubal, que exerce como redactor xefe, o subdirector, Roberto González, e o director, David Machado, todos eles estudantes de ente primeiro e cuarto de ESO.

Este último número de “Amencer” conta coa particularidade de estar dedicado integramente á figura de Francisco Fernández del Riego. Na revista trázase un perfil completo da vida e obra do escritor, natural de Lourenzá, que foi fundador da editorial Galaxia e presidente da Real Academia Galega, ademais de ser o impulsor, en 1963, da creación do Día das Letras Galegas. A revista recolle as catro entrevistas que se lle fixeron ao homenaxeado, a primeira en 1985, ademais de reproducir o primeiro e último artigo que escribiu para a revista, ‘O Galeguismo de Castelao’, en 1986 e ‘Lembraza do Poeta e Amigo’, do 2009, dedicado a Aquilino Igrexas Alvariño no centenario do seu nacemento.

Ademais, a revista conta coas colaboracións de Armando Requeixo, unha entrevista a Francisco Domínguez, sucesor de del Riego na Fundación Penzol, e cun artigo do propio Félix Villares. Ademais de editarse en papel e repartirse por toda Galicia, así como en Barcelona e Madrid, onde a reciben institucións e persoas interesadas, “Amencer” estreouse conta desde este ano cun lugar en internet e pode consultarse na web www.mondonedoferrol.org, onde xa está colgada desde finais de marzo.

Exit mobile version