Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta desenvolveu en Lugo unha xornada sobre a nova normativa de seguridade e protección de datos

Nota de prensa

A XUNTA DESENVOLVE EN LUGO UNHA XORNADA SOBRE A NOVA NORMATIVA DE SEGURIDADE E PROTECCIÓN DE DATOS QUE DEBE CUMPRIR A ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

A sesión de traballo, organizada pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, tivo lugar no salón de actos do Edificio Administrativo
Está orientada tanto aos responsables políticos como aos profesionais das áreas técnicas, organizativas e xurídicas das administracións públicas

Lugo, 26 de abril de 2011.- O Edificio Administrativo da Xunta en Lugo acolleu hoxe unha xornada organizada pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica na que se analizan as esixencias derivadas da entrada en vigor do Real Decreto 3/2010 do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Esquema Nacional de Seguridade, de obrigado cumprimento por parte de todos os órganos da Administración así como por calquera entidade de dereito público dependente deles.

Arredor de 70 persoas participaron na sesión, que foi inaugurada pola xefa territorial de Presidencia, Marta Barreiro, e polo subdirector xeral de Calidade, Interoperabilidade e Seguridade, Jaime Barros Leboreiro. Na sesión participaron como relatores, entre outros, José María López Bourio, presidente da Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías de Información e Comunicación (Agestic), e Félix Barrio, xerente de programas do Instituto Nacional de Tecnologías de la Comunicación (Inteco), que deron conta das novas políticas de seguridade e protección de datos na utilización de medios electrónicos que deben cumprir todas as entidades públicas.

A xornada está dirixida tanto aos responsables políticos das diferentes administracións (autonómicas e locais) como aos profesionais das áreas técnicas, organizativas e xurídicas, e pretende informar sobre as novas normativas, esixencias de cumprimento e as formas de responder á súa correcta aplicación.

Esquema Nacional de Seguridade

O pasado 29 de xaneiro de 2010 publicouse no BOE o Real Decreto 3/2010 do 8 de Xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da administración electrónica, que desenvolve parcialmente a Lei 11/2007, do 22 de Xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos Públicos.

O seu obxectivo é establecer as políticas de seguridade e protección de datos na utilización de medios electrónicos por parte das administracións públicas e os principios mínimos que estas deben cumprir para garantir unha axeitada protección da información que xestionan.

O Esquema Nacional de Seguridade (ENS) é de obrigado cumprimento por parte de todos os órganos da Administración (Administración Xeral do Estado, Administracións Autonómicas e Administracións Locais), é dicir, dende ministerios ou órganos autonómicos, ata concellos, así como calquera entidade de dereito público dependente da Administración (Universidades, Portos, axencias gobernamentais, etc.). Todos os sistemas existentes deben adecuarse ao ENS nun prazo de 12 meses dende a súa aprobación.

A entrada en vigor do Esquema Nacional de Seguridade busca crear as condicións necesarias de confianza para as relacións electrónicas entre os cidadáns e a Administración. Ademais, achegará unha linguaxe común para facilitar a interacción das Administracións públicas e introducirá un común denominador normativo que guiará a actuación das Administracións públicas en materia de seguridade das TIC.

Exit mobile version