Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA pide unha ordenación sustentable do territorio para celebrar o Día da Terra

Nota de prensa:
Cada 22 de abril celébrase o Día da Terra para lembrar a responsabilidade social e de cada un de nós no coidado e protección do planeta. Este día ADEGA proponvos participar nunha acción en rede para reclamar a protección do noso territorio: paisaxes, bosques, rías, patrimonio cultural, biodiversidade… Fronte á cobiza sen límite dos especuladores e o desleixo das administracións que están a provocar a degradación acelerada do territorio, a cidadanía debe recuperar o protagonismo na defensa da nosa terra. Cada día somos máis os/as que non queremos ficar impasíbeis fronte ás desfeitas. Este 22 de abril, descarrega a túa [pdf] FAIXA (100 Kb) e faite unha foto fronte a unha paisaxe especial, unha desfeita que queiras denunciar ou calquera outro lugar co que te sintas comprometido/a ou identificado/a.
No Día da Terra, PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO!

Moitos/as de vós aproveitaredes estas feiras para revisitar aqueles lugares cos que vos sentides identificados/as. Talvez comprobedes que xa non eran como lembrades, e ese bosque, río ou praia está a acusar os efectos de actividades agresivas ou intervencións pouco afortunadas. Hai centos de casos polo país adiante e cada un supón a perda dun patrimonio único (ambiental, cultural…) por veces imposíbel de recuperar. Ti podes facer ouvir a túa voz e a túa denuncia e xuntala coa de outras moitas persoas nun berro común polo territorio.

Como participar?
1. Descarrega e imprime a túa [pdf] FAIXA (100 KB) .
2. Achégate a un lugar co que te sintas especialmente comprometido/a.
3. Faite unha foto coa faixa.
4. De volta a casa, envías a foto por mail a adega@adega.info.

Na web de ADEGA e na nosa conta de Picasa habilitaremos unha galería pública na que poderedes ver todas as fotos que mandedes. Non hai prazo límite para enviar as fotos: a Campaña en Defensa do Territorio, na que se enmarca esta actividade, ten vocación de continuidade e desenvolverase ao longo dos vindeiros meses.
Fai ouvir a túa voz en defensa da Terra: MÓVETE POLO TERRITORIO!

Exit mobile version