Site icon Crónica3.com A Mariña

Adega rexeita a piscicultura industrial con antibióticos e químicos na costa ou no mar

REFERENCIA

Piscicultura industrial con antibióticos e químicos na costa ou no mar? Non, grazas

2 de abril de 2011. A instalación de gaiolas para o cultivo do salmón na ría de Muros é para ADEGA outro episodio na confrontación entre dous modelos de produción de alimentos: o baseado nos recursos endóxenos e na conservación dos ecosistemas, e o estritamente produtivista que promove a acuicultura industrial intensiva. A pesca de baixura e o marisqueo baséanse en aproveitar a gran potencialidade biolóxica das rías; deixan ademais máis valor engadido nas comunidades locais e xeran máis postos de traballo. A acuicultura industrial, tanto en terra como no mar, busca xerar grandes producións de peixe barato mediante a intensivización, a alimentación forzada e o uso masivo de antibióticos e produtos químicos. Está deseñado “de costas” ao mar, con criterios exclusivamente economicistas e especulativos. Provoca ademais importantes desequilibrios ambientais e sociais, xera menos emprego e pon en perigo a potencialidade biolóxica e o futuro dunhas rías xa de por si moi castigadas.

ADEGA apoia pois as reivindicacións das confrarías e os colectivos do sector na súa denuncia dos graves impactos que unha instalación industrial de 5000 Tm de salmón ao ano vai ter na ría de Muros. Mais queremos que o sector vaia máis aló das afeccións deste proxecto concreto e reflexione tamén sobre as consecuencias do modelo que representa a acuicultura industrial, tanto en terra como a flote, e que ten o seu principal expoñente no Plano Acuícola, agora refritido en Plano Director de Acuicultura.

Acontece que o vixente Plano Acuícola (actualmente a revisión polo PP) ocupará 3 millóns de metros cadrados de costa virxe e xerará millóns de metros cúbicos de augas altamente contaminadas que verteranse no corazón dos ecosistemas costeiros máis valiosos. Os impactos derivados destas macroplantas son os mesmos (antibióticos, produtos químicos, eutrofización, parasitismo, epizootias…) en termos cualitativos, que os das gaiolas de salmón, mais en cantidade infinitamente maior. Ocuparán ademáis territorios moi valiosos dende o punto de vista paisaxístico e ambiental, teñen unha baixísima xeración de postos de traballo e son un sumidoiro de subvencións públicas.
O sector, mobilizado agora por esta instalación de salmón, non debería ficar impasíbel fronte á ameaza tamén moi real das macroplantas de rodaballo do Plano Acuícola. Tras a terceira reforma en 5 anos, a actual Xunta estao a reformar para darlle gosto a Pescanova: sen dúbida, Touriñán voltará a estar de novo entre as instalacións previstas, e o asalto á Rede Natura e aos espazos de alto valor ambiental da costa retornará con forza. Pode ser que confrarías e ecoloxistas conquiramos desbotar o proxecto do salmón, mais será unha vitoria pírrica se a Xunta consigue executar o “Plano Director da Acuicultura”.
ADEGA fai un chamado ás confrarías e ao sector da baixura para mobilizarse a prol dun desenvolvemento sustentábel da pesca e a acuicultura, e opoñerse non só a unha instalación, senon a todo o modelo depredador da piscicultura industrial. É o momento de esixir da Xunta medidas para garantir a sustentabilidade duns ecosistemas, as nosas rías, que xa están no límite da súa capaciade de carga, denantes de que sexa tarde.

Exit mobile version