O CONCELLO INSTA CON CARÁCTER DE URXENCIA Á XUNTA PARA QUE INTERVEÑA E EVITE A DESAPARICIÓN DOS RESTOS ARQUEOLÓXICOS ATOPADOS NAS OBRAS DE ACCEDO AO PORTO.
Burela, 8 de abril de 2011. O Concello insta con carácter de urxencia á Xunta para que interveña e evite a desaparición dos restos arqueolóxicos atopados nas obras de acceso ao porto. A tenente de alcalde, Neves Cando, asegura que debe ser a administración autonómica a que vele pola súa conservación namentras non se reanudan ditos traballos, que levan meses paralizados.
A edil nacionalista explicou que “desde o Concello de Burela vimos de instar con carácter de urxencia á Xunta, en concreto á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras para que, ata que non se reanuden as obras de acceso ao porto, interveña directamente ou a través de Patrimonio e tome as medidas oportunas para impedir a desaparición dos restos arqueolóxicos do hipocausto atopadas na zona onde se estaban a desenvolver estas obras”.
Neves Cando sinalou que “xa falamos directamente con Patrimonio informándoos da situación actual destes restos arqueolóxicos e desde este servizo nos encamiñaron á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras porque as obras do vial de acceso ao porto dependen deste departamento”. A tenente de alcalde lembrou que “estas obras están paradas desde hai meses, primeiro pola propia empresa e polos problemas técnicos atopados, de feito a empresa abandonou a obra, e agora están paradas por motivo do cambio do proxecto que se atopa nestes momentos en exposición pública e que traerá consigo unha nova adxudicación deses traballos”.
Cando manifestou que “nesta zona, por onde discorre a obra de acceso ao porto, foron atopados uns restos arqueolóxicos xa catalogados como hipocausto do castro do Campón. E segundo se recolle na documentación do proxecto que temos no Concello en exposición pública o xacemento atópase actualmente nun rápido proceso de degradación e de non adoptarse as medidas axeitadas podería desaparecer. Este deterioro deriva, sobre todo, da falta de protección e vixianza e dos naturais resultados da súa exposición á intemperie. Isto dio literalmente esta documentación e igualmente se recolle o seguinte: a nova contrata executará as obras mantendo o proxecto previsto en función do cal fora redactado o proxecto de control e seguimento arqueolóxico, ao non existir modificacións este proxecto aprobado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura en novembro de 2008 segue estando vixente e polo tanto continuarase executando o seguimento de ditas obras no punto deixado”.
A tenente de alcalde recalcal que “iso recólleo a propia documentación, entón terá que ser a nova empresa adxudicataria destas novas obras quen terá que facer o proxecto previsto, que incluía a conservación nese lugar dos restos arqueolóxicos coa consolidación, reparación e reposición dos mesmos e o seu cubrimento. Pero ata que non haxa unha nova adxudicación da obra a responsabilidade de que estes restos non desaparezan definitivamente é da Xunta e por iso reclamamos a súa urxente intervención para evitar que unha mostra máis do noso máis remoto pasado non acabe por desaparecer por falta de coidados”.
Día do xubilado
A tamén concelleira de Benestar Social, Neves Cando, deu a coñecer que a 17 edición do día do xubilado terá lugar o vindeiro 1 de maio. Desde o vindeiro luns, día 11, e ata o 25 de abril estará aberto o prazo para anotarse e participar nesta cita. Cando dixo que “para anotarse as persoas interesadas deberán vir á Casa do Concello en horario de 8 a 15 horas, provistas do DNI e da tarxeta sanitaria. Poderán anotarse as persoas que se atopen nas seguintes situacións: estar empadroadas en Burela e ser maiores de 65 anos, ser pensionistas de xubilación ou invalidez da Seguridade Social ou ter pensión de viuvez con 60 anos cumpridos”.