Site icon Crónica3.com A Mariña

Celso Dourado participará nunha exposición itinerante de novos valores da pintura figurativa

Nota de prensa:
CELSO DOURADO PARTICIPARÁ NUNHA EXPOSICIÓN ITINERANTE DE NOVOS VALORES DA PINTURA FIGURATIVA. A SÚA OBRA MALTRATO FOI UNHA DAS MÁIS VISITADAS NA GALERÍA VIRTUAL QUE O REPRESENTA.

Barreiros, 1 de abril de 2011. Celso Dourado participará nunha exposición itinerante de novos valores da pintura figurativa. A súa obra Maltrato foi unha das máis visitadas na galería virtual que o representa. A mostra iniciará a súa andadura en Zaragoza e seguirá despois en Edimburgo.

O artista barreirense sinala que “eu estaba representado por unha galería virtual, á que subín distintas obras. A elexida para esta exposición itinerante é unha obra tratada con barnices, bastante singular e que se sae un pouco dos parámetros habituais da pintura figurativa”. Dourado explica que “foi unha das máis votadas e das máis visitadas e a partires de aí decidiron incluila nunha exposición sobre novos valores da pintura figurativa no estado español”.

A primeira exposición terá por escenario Zaragoza ao longo deste mes, por ser a cidade na que ten a sede esta galería de arte. Despois viaxará ata Edimburgo e estase a analizar a posibilidade de que chegue a Estados Unidos.

Para Celso Dourado foi unha sorpresa “poder participar nesta iniciativa porque eu non adoito presentarme a concursos, nin certames nin nada diso. Non o esperaba e cando me chamaron para darme a nova e pedir a miña autorización quedei sorprendido, pero ao saltar a miña obra á rede eso ocasionou que fose unha das máis visualizadas”. O artista de Barreiros di que “esta galería é a máis coñecida a nivel virtual en España, nela están representados os máis importantes pintores figurativos, como Eduardo Naranjo ou Antonio López García”. E engade que “estas exposicións de novos valores están feitas en colaboración coa LBL-Art de Los Ángeles e representa unha selección de artistas de diferentes países como Estados Unidos, Alemaña, Suiza e Corea”.

Eido Dourado

Durante os últimos meses Celso Dourado estivo traballando na elaboración de novas obras para renovar o Eido Dourado, “é un reto tratar de abrir todos os veráns con pintura renovada. Ao longo do inverno aproveito para realizar estes novos traballos e sigo profundizando nesta técnica de barnices coloreados. Agora hai unha veintena de cadros que serán o groso da exposición e que se presentarán este verán”. O 2011 será o terceiro ano do Eido Dourado e o seu propietario e autor agarda que “se siga consolidando coma un referente na Mariña”. A apertura deste espazo para o arte terá lugar a mediados de xuño aproximadamente e “todos os que o desexen poderán ver a exposición e os xardíns ata o mes de setembro. Esperamos densenrolar unha serie de actividades para seguir asentando esta alternativa bastante diferenciada de moitas outras, e sobre todo a nivel cultural bastante orixinal. Esperamos soportalo, aguantalo e resistilo”.

Exit mobile version