Site icon Crónica3.com A Mariña

Cen expositores acudirán na XIV edición de Expomar en Burela do 19 ao 22 de maio

Nota de prensa

CEN EXPOSITORES PARTICIPARÁN NA XIV EDICIÓN DE EXPOMAR EN BURELA DO 19 AO 22 DE MAIO. EMBARCACIÓNS DA ARMADA ESPAÑOLA OU DO ISM PODERÍAN ESTAR ATRACADAS NO PORTO ESES DÍAS, SEGUNDO DABA A COÑECER HOXE ALFREDO LLANO.

Burela, 27 de abril de 2011. Un cento de expositores participarán na XIV edición de Expomar en Burela, que se celebrará do 19 ao 22 de maio, segundo deu a coñecer hoxe o alcalde e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano.

A inauguración está prevista para o 19 de maio e contará coa presencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana. Llano contou que “a parte da exposición de maquinaria e todo o que ten que ver co mundo da pesca teremos tamén as xornadas técnicas e os encontros empresariais”. Nas xornadas técnicas do 19 de maio abordaránse cuestións como A comercialización no sector pesqueiro, experiencias prácticas, que contará coa participación de Emilio Martínez, director xeral de Espadeiros do Atlántico, Antonio Rodríguez, subdirector xeral da Competitividade e Omar Collado, xefe de servizo da Subdirección Xeral de Economía Pesqueira de Segemar. E o día 20 analizarase A implicación e influencia da normativa comunitaria internacional na actividade pesqueira. Contará ese día coa participación de Javier Garat, secretario xeral de Pesca, Carlos Sebastián Villasante, da Universidade de Santiago de Compostela e Héctor Villa, xefe de servizo de Actividade Pesqueira de Augas Comunitarias. As xornadas técnicas desenvolveránse no salón de actos da cofraría de pescadores.

Xa no encontro empresarial previsto para o 20 de maio trataránse asuntos como O posicionamento do sector pesqueiro ante as cotas, O regulamento do control das normas de salvamento e riscos laborais e A comercialización no sector pesqueiro. O presidente de Expomar subliñou que “xa hai confirmada a asistencia de 30 entidades participantes”. O encontro empresarial será nas instalacións de Absa (Armadores de Burela).

Llano dixo que “a clausura de Expomar, ao coincidir co día das eleccións municipais, terá lugar o 22 de maio ás 12 do mediodía”. E engadiu que “tamén queremos atraer a máis xente a esta nova edición da feira e para iso contaremos con algunha embarcación que estará atracada no porto como pode ser da Armada Española ou do servizo marítimo da Garda Civil e tamén imos promocionar o noso barco museo. Estamos agardando a confirmación dun navío que é moi espectacular do ISM, o Juan de la Cosa”. O rexedor manifestou que “xa temos confirmada a asistencia de cen expositores, que representan a unhas 350 firmas. Iso significa que, a pesares dos tempos que estamos a vivir, completaremos o recinto feiral da nave de redes. Pensamos que os 3.000 metros cadrados estarán ocupados”.

O presidente de Expomar destacou que “melloramos as cifras de participación da última edición da feira” e convidou “a todo o mundo a que veña a Burela, tanto a profesionais como ao resto dos veciños da comarca que teñan curiosidade por ver o que aquí se expón. Esta cita será un atractivo importante tanto para o litoral Cantábrico como para o norte de Portugal e agardamos colleitar os mesmos éxitos que nos últimos anos”.

Exit mobile version