Nota de prensa
Os nacionalistas din que chegou o tempo de rematar con 20 anos de promesas e outros tantos de incumprimentos.
Cesar Docampo encabeza unha renovada lista do BNG en Lourenzá
Cesar Docampo Fernández afirmou que “ a candidatura do BNG é unha equipa para posibilitar o cambio político do que Lourenzá está tan necesitado, unha equipa para mudar o rumbo dun Concello dirixido por un goberno esgotado, unha equipa para devolver a ilusión aos veciños e restaurar a democracia. Democracia que significa igualdade no trato para os veciños, democracia que implica entender as persoas como suxeitos de dereitos e que polo tanto implique desterrar as prácticas clientelares. En definitiva tratase de rematar cun goberno que se caracterizou por vinte anos de promesas e outros tantos anos de incumprimentos”.
O candidato nacionalista que agradeceu o traballo desenvolto polos concelleiros nacionalistas en Lourenzá desde o ano 91, e moi particularmente de Auditor Rodríguez Lombardía e Clara Fernández Cid que o antecederon na cabeza da candidatura adiantou que “as liñas centrais da alternativa programática dos nacionalistas van na triple dirección de favorecer o desenvolvemento económico do Concello, afortalar os servicios sociais e mellorar as infraestructuras municipais básicas. Non hai posibilidade algunha de futuro se non se actúa nestes tres eixos”, afirmou Cesar Docampo que mostrou “a vontade dos nacionalistas de converter ao noso Concello na capital do sector forestal de Galiza, partindo da súa riqueza forestal e tamén da importancia do sector da transformación, polo que imos esixir a Xunta de Galiza a que recupere o proxecto xa iniciado e licitado polo bipartito de criar en Lourenzá unha delegación do CIS – Madeira, non é de recibo que a día de hoxe se teña que acudir a Ourense para calquera xestión dependente do mesmo, que debe ubicarse ao pé do Centro da Faba, ao existir xa o proxecto elaborado así como unha cesión do inmoble por parte do Bispado á Xunta “.
Os nacionalistas destacaron que se trata “dunha candidatura renovada, coa incorporación de xente que non tiñan participado na política institucional e outras persoas con experiencia nese eido, formado por veciños e veciñas de case a totalidade das parroquias, xeracionalmente diversa e profesionalmente plural posto que dela forman parte desde autónomos até asalariados e desde labregos até funcionarios e con homes e mulleres comprometidos nas organizacións sociais do Concello. É unha candidatura comprometida co interese xeral que non co particular, co noso concello que non con pexes partidarias e fundamentalmente cunha vocación de servicio a todos os veciños. Presentamos para solucionar problemas, non para crear outros, dividindo aos veciños ou enlameirando a vida política local”.
A candidatura do BNG completase cos seguintes persoas nesta mesma orde: Xermán Pérez Vilalba (Vilanova, traballador do sector do móbel e animador cultural e deportivo), María Belén Fanego Barreira (Santo Adrao, ex-concelleira do BNG en Lourenzá e traballadora do SERGAS), Ramón Valiña Rivas (Vilanova, traballador dunha empresa forestal), David Neira Trelles (Arroxo, traballador da construcción), Anxo Fernández Vilalba (Vilanova, comerciante), Xavier Valoría Esmorís (Santo Adrao, autónomo da construcción ), Laura Rivas Valea (A Tilleira, administrativa), Xoel Díaz Branco (Traballador dunha empresa agraria e xogador do Lourenzá de fútbol), Francisco Xavier Trigo Maseda (Vilanova, panadeiro) e Xosé Miguel Ramil Seivane “Medallas” (Vilanova, traballador da construcción e musico).