Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Concello apoian a difusión do traballo dos artesáns e anticuarios da Pontenova a través dun mercado

Nota de prensa:
Deputación e Concello apoian a difusión do traballo dos artesáns e anticuarios da Pontenova a través dun mercado

– O feiral celebrarase venres e sábado na Casa da Cultura, e reunirá a unha vintena de profesionais do municipio pontenovés, do resto de Galicia e de Asturias

– Lara Méndez visitará mañá o feiral, coincidindo coa homenaxe que a organización lle renderá a catro veteranos artesáns da localidade: José María Señor Fernández, José Trashorras Tojal, Alfredo Castaño Fernández e Manuel Marqués Díaz

– A exposición e venta de produtos compleméntase cunhas xornadas gastronómicas dedicadas á troita e ó salmón, nas que participarán 13 bares e restaurantes

A Deputación de Lugo prestou a súa colaboración ó Concello da Pontenova para a organización do Mercado de Artesanía e Antigüidades que se celebrará este venres e sábado na Casa da Cultura da vila, co obxectivo de difundir ó exterior o traballo dos profesionais pontenoveses destes sectores, aproveitando a maior afluencia de visitantes con motivo da Semana Santa. A Vicepresidenta Segunda do organismo provincial, Lara Méndez, visitará mañá a mostra coincidindo coa homenaxe que a organización lle renderá a catro veteranos artesáns da localidade: José María Señor Fernández, José Trashorras Tojal, Alfredo Castaño Fernández e Manuel Marqués Díaz, que levan toda vida dedicándose a elaborar tallas de madeira e instrumentos musicais e que aínda hoxe manteñen certa actividade. Os homenaxeados recibirán como agasallo unha réplica dos típicos fornos da Pontenova.

Lara Méndez destaca que o apoio da Deputación a esta cita enmárcase na aposta do organismo por potenciar unha actividade “moitas veces esquecida polas administración e que, sen embargo, é un nicho de emprego e un sector importante para o futuro económico da provincia”. Méndez deu os seus parabéns ós promotores da iniciativa e animou a continuar celebrándoa nos próximos anos.

No mercado participarán unha vintena de profesionais do propio municipio pontenovés, pero tamén procedentes da capital lucense, de Ourense, A Coruña, Taramundi, Xixón e León. O horario no que se poderá visitar a exposición será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00, tanto o venres como o sábado.

Xunto co Concello, ocupáronse de organizar o evento a Asociación de Artesáns da Pontenova e o colectivo deportivo cultural Os Fornos. Esta feira é a primeira de artesanía e antigüidades que se celebra na vila mariñana nestas datas e organizouse como complemento á que acolle a localidade cada mes dende agosto dende hai catro anos co fin de potenciar a difusión do sector artesán e de antigüidades da Pontenova, que ten unha gran tradición no municipio e un destacado peso na economía local.

Co obxectivo de atraer ó maior número de visitantes, as entidades que idearon a feira prepararon de xeito paralelo unhas xornadas gastronómicas dedicadas a dous dos produtos típicos da zona, como son a troita e o salmón. Participarán os seguintes 13 bares e restaurantes: Navia, Lennon, Casa da Cultura, Esquina, Río Eo, Puente, Montes, Barreiros, San Briz, A Estación, Albino, Mesón A Mina e Mesón Sarredo.

Aulas móbiles de natureza

Coincidindo co Mercado de Artesanía e Antigüidades, a Deputación levará á Pontenova as súas aulas móbiles de interpretación da natureza, que están a percorrer a provincia co fin de poñer en valor os recursos naturais e paisaxísticos dos municipios pertencentes ás tres Reservas da Biosfera de Lugo (Terras do Miño, Os Ancares e Río Eo-Oscos-Terras de Burón) e a Serra do Courel, ademais de concienciar a nenos e maiores do necesario coidado do medio ambiente. As aulas estarán dentro da Casa da Cultura e o seu horario de apertura coincide co do mercado: de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00.

Exit mobile version