Site icon Crónica3.com A Mariña

Abre a exposición da XVI edición do certame de arte Galería Burela na Casa da Cultura

Nota de prensa:
HOXE INAUGÚRASE NA CASA DA CULTURA A EXPOSICIÓN DA XVI EDICIÓN DO CERTAME DE ARTE GALERÍA BURELA. ATA O 20 DE MAIO ESTARÁN EXPOSTOS OS 22 TRABALLOS SELECCIONADOS POLO XURADO.

Burela, 15 de abril de 2011. Esta tarde terá lugar a inauguración da exposición da XVI edición do certame de arte Galería Burela. Será ás 20 horas na Casa da Cultura.

A concelleira de Cultura, Neves Cando, subliñou que “esta exposición acolle, despois da selección feita polo xurado, 14 mostras de pintura e 8 de escultura. A este certame de arte presentáronse máis obras que en anos anteriores nos dous apartados e a representación chegou desde as catro provincias galegas e desde puntos como Madrid, Sevilla, Córdoba ou Valladolid, entre outros”. A edil nacionalista dixo que “o xurado nesta ocasión estivo composto polos profesores de arte do IES Monte Castelo, María Martín, Conchi Blanco e Pedro Cabarcos. E no acto de clausura que se celebrará o día 20 de maio ás 20 horas entregaremos os premios aos gañadores”. Cando lembrou que “os premios son de 1.800 euros para os primeiros en cada unha das modalidades, 1.200 euros para os segundos e figura conmemorativa e diploma para os terceiros”.

Roteiro

Esta fin de semana haberá máis actividades culturais en Burela, segundo relataba a concelleira de Cultura, “o segundo acto desta fin de semana terá lugar o domingo. Adega desde a súa delegación en Lugo leva organizado este ano unha serie de roteiros ou percorridos polo territorio galego na busca do achegamento da sociedade á realidade ambiental, social e cultural do noso país. E neste curso 2010/11 os roteiros de Adega están adicados á nosa lingua, ao principal vehículo de relación con todo aquelo que nos identifica como galegos e galegas”. Neves Cando contou que “estes roteiros comezaron o pasado mes novembro na serra do Courel, pasaron xa polo Val de Lóuzara en Samos, por Lugo, pola Chaira, por Mondoñedo e este 17 de abril chegan a Burela co título de Modelo Burela, porque Burela é a única localidade de Galicia que se dotou dun proxecto de planificación lingüística de carácter municipal, aprobado por unanimidade no ano 2008. É un modelo que potencia o idioma galego no marco da interculturalidade. Este proxecto que se xestara coma unha intervención educativa transformadora no instituto Perdouro durante o curso 2004/2005 plasmóuse despois nesa longametraxe documental que se coñece co nome de Modelo Burela”.

A concelleira nacionalista subliñou que “por iso o IES Perdouro será o punto de saída deste roteiro que comezará a súa caminata ás 11 da mañá do domingo para coñecer a partires de aí a zona xeolóxica de Castrelo. Aí contaremos coa colaboración da profesora Águeda Barcia para explicar in situ esta maravilla da natureza. Despois pasaremos pola zona na que foi atopado o torques de Burela e camiño da Marosa subirase cara a Vila do Medio para coñecer alí a súa igrexa, nesta ocasión contamos coa colaboración da profesora Herminia Pernas para disfrutar das explicacións sobre esta igrexa e sobre as súas pinturas murais. Desde aquí ascenderáse ata o Monte Castelo onde se comerá e completarase este roteiro, que ten unha lonxitude de 14 kilómetros, pola zona de Sargadelos. Neste roteiro de Adega colabora tamén a asociación de sendeirismo Pasada das Cabras de Burela”.

Exit mobile version