Site icon Crónica3.com A Mariña

Iniciáronse en San Cibrao as obras para a dotación de fibra óptica

Nota de prensa:
AS OBRAS PARA O DESPREGAMENTO DA FIBRA ÓPTICA EN SAN CIPRIÁN INICIÁRONSE HOXE NA AVENIDA DA MARIÑA

O municipio cervense pasará a formar parte do grupo de cidades e concellos galegos que dispoñen de conexión directa á rede de telecomunicacións de última xeración que o operador R está a despregar en toda a comunidade autónoma

Unha vez rematen as obras o Concello procederá a asfaltar a marxe sur da Avenida da Mariña na zona onde discorren as obras e tamén rexenerará o firme das rúas do Xunco e do Cobo

Cervo, 5 de abril de 2010.- Esta mañá deron comezo en San Ciprián os traballos para instalar os servizos integrados de teléfono, internet de alta velocidade, televisión dixital e móbil nesta localidade cervense por parte da empresa de telecomunicacións R

Os traballos deron comezo na Avenida da Mariña, no tramo que vai dende a Rúa do Xunco ata a confluencia coa Avenida da Veiga, “ou o que é o mesmo: en toda a fronte do parque Reina Sofía” precisou o rexedor cervense, Alfonso Villares. O alcalde recordou que esta actuación ven a completar unha serie de obras feitas polo Concello ó longo dos últimos anos nesta rúa -unha das principais de San Ciprián- “co obxecto de renovar as súas canalizacións de subministro de auga e saneamento; e tamén para dotala de redes de novos servizos como o gas natural e agora a fibra óptica” precisou.

Villares confiou en que estes traballos podan finalizar no menor tempo posible e adiantou que unha vez estean rematados o Concello procederá a rexenerar o asfalto na marxe sur da Avenida da Mariña “que foi a zona pola que se estiveron renovando as canalizacións e se dotou de novos servizos a este treito da fachada litoral” puntualizou. Así mesmo, tamén está previsto que o Concello acometa tamén o aglomerado en quente da rúa do Xunco e a rúa do Cobo.

“Son obras que sabemos que causan molestias a tódolos veciños, pero que unha vez estean rematadas vamos poder dispoñer de servizos de calidade que nos permitirán facer a vida moito máis agradable” sinalou o alcalde cervense

Exit mobile version