Site icon Crónica3.com A Mariña

José Mourelle Cillero tomou posesión como novo secretario da Deputación

Nota de prensa:
José Mourelle Cillero, novo Secretario da Deputación

– Besteiro presidiu este luns o acto de toma de posesión do Secretario, ó que asistiu o Vicepresidente Primeiro, así como numerosos compañeiros que encheron o Salón de Plenos

– Cillero é Licenciado en Dereito, Ciencias Políticas, Máster en Administracións Públicas, especializado en contratación e recursos humanos, ademais de profesor na Universidade

José Mourelle Cillero prometeu este luns o cargo de Secretario da Deputación de Lugo nun acto no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos presidido polo máximo mandatario provincial, José Ramón Gómez Besteiro. Cillero destacou a “lealdade e entrega necesaria” coa que toma posesión do seu novo posto, “para seguir potenciando o traballo en rede da institución cos Concellos da provincia”.

Ante a presencia do Presidente e Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, do Secretario saliente, Faustino Martínez, así como de numerosos compañeiros que encheron a sala, o novo Secretario destacou “a capacidade e entrega total” do Presidente, a quen lle agradeceu a súa “afabilidade, tolerancia e respeto en liñas de traballo”. Cillero tamén salientou a “profesionalidade e dedicación da maioría dos meus compañeiros”, así como “o esforzo do meu amigo e mestre Faustino”. Pola súa banda, o Secretario saliente defendeu a necesidade de “seguir defendendo a institución” mediante a colaboración de todos.

Deste xeito, tras 27 anos, o organismo provincial conta cun novo Secretario. Trátase dun dos técnicos de maior responsabilidade na institución lucense xunto á Interventora, persoal de control dos Orzamentos. Cillero é agora o encargado de convocar os Plenos e Xuntas de Goberno, de elaborar a orde do día destas sesións, así como de dar conta e custodiar os acordos acadados. Entre outras funcións, debe informar de todas as actuacións levadas a cabo pola institución, así como dos decretos, convenios, protocolos ou estudos aprobados pola Presidencia e distintas áreas de xestión.

José Mourelle Cillero é Licenciado en Dereito e Ciencias Políticas. Ademais, posúe un Máster en Administracións Públicas da Universidade Complutense de Madrid. Está especializado en contratación administrativa e recursos humanos. Compaxina a súa actividade funcionarial coa de docente na Universidad “Alfonso X el Sabio”, da que é profesor na Escola Politécnica Superior. Desempeñou gran parte da súa carreira profesional no Concello de Lugo do que é funcionario, coa categoría de Letrado Asesor e na que se atopa en excedencia. Tamén, desempeñou outros postos como o de Director da MUNPAL na Coruña e Secretario da Delegación de Sanidade en Lugo.

O novo Secretario substitúe a Faustino Martínez Fernández que, dende 1983, exerceu este cargo acadando, entre outros logros, a compensación de tasas coa Seguridade Social polos doentes do hospital San Rafael. Esta foi a primeira vez en España que unha entidade local gañou un contencioso destas dimensións.

Exit mobile version