Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 200 persoas optan ós postos de traballo que ofrecen os programas In Lugo e Lugo Emprega

Nota de prensa

Máis de 200 persoas optan ós postos de emprego que ofrecen o In Lugo e as últimas prazas do Lugo Emprega

– 79 parados comezaron hoxe as probas para ós 7 postos de emprego que ofrece o organismo provincial dentro da cota de discapacitados do plan co que xa 711 persoas están a pleno rendemento nos Concellos da provincia

– Os seleccionados comezarán a traballar no Pazo de San Marcos, no Museo e no Pavillón de Deportes durante a 1ª semana de maio

– A Deputación concluíu hoxe as probas para acceder ás 30 bolsas de innovación convocadas polo In Lugo, nas que participaron 129 desempregados

A Deputación iniciou este luns o proceso de selección do Plan Lugo Emprega para a contratación de 7 persoas que prestarán o seu servizo nas dependencias provinciais dentro da cota de discapacitados, e que se suman ós 711 traballadores que xa están a pleno rendemento nos Concellos da provincia. Un total de 79 persoas foron admitidas para realizar a primeira proba, consistente nun exame tipo test, e que dá acceso a un posto de traballo durante seis meses. As persoas que superen a proba pasarán á seguinte fase, que consistirá nunha entrevista persoal. Esta celebrarase o mércores 27 de abril, a partir das 9:30 horas, no Salón Verde do Pazo de San Marcos.

Deste xeito, os sete seleccionados, que estarán traballando como moi tarde na primeira semana de maio, ocuparan as seguintes prazas: 2 auxiliares administrativos, que prestarán o seu servizo no Pazo de San Marcos; 4 vixiantes-guía que se incorporarán ó Museo Provincial; e 1 operario ó Pazo dos Deportes. Asimesmo, nos vindeiros días, iniciarase o proceso selectivo dos 14 persoas que se contratarán para a recuperación do Arquivo. Deste xeito, con este programa a Deputación tamén actuará nun ámbito que ó longo do tempo non tivo a atención que merece no só como ferramenta administrativa senón como medio de conservación da historia da institución e, por tanto, da provincia.

Plan para reducir o paro

O Plan Lugo Emprega, co que a Deputación reduciu o número de parados na provincia, segundo os datos oficiais publicados e entidades como a CEL ó tempo que incrementou a cooperación cos Concellos, está dotado con 8 millóns de euros. Desta cantidade, 250.000 euros é a partida que se destina á contratación dos 7 discapacitados e dos traballadores do Arquivo. O organismo provincial, quen asume o 100% dos custes salariais e ata os custes da indemnización pola finalización do contrato, xestionou esta iniciativa, pioneira en Galicia, ante a falta de políticas activas de emprego da Xunta, a administración con competencias nesta materia. O Plan non incrementa a débeda pública, xa que está financiado con fondos propios da Deputación.

Bolsas de emprego no sector da Innovación

A Deputación iniciou tamén hoxe a última proba do proceso selectivo para as bolsas de emprego no sector da innovación, impulsadas polo Centro de Innovación Social. Neste caso, trátase dunha entrevista persoal que puntuará 3 puntos, e que se desenvolverá a partir 16:00 horas na sede do In Lugo, situada na rúa Frei Prácido Rei Lemos. Unha vez rematada esta fase, a Deputación resolverá as 30 becas remuneradas con 800 euros mensuais, que ofertan 6 meses de emprego en entidades sen ánimo de lucro, as cales desexan desenvolver novos proxectos tecnolóxicos para potenciar a súa actividade.

As primeiras bolsas de emprego no sector da innovación na provincia están impulsadas dende o 1º Centro de Innovación Social de Galicia. É o proxecto da Deputación, cofinanciado polo Ministerio de Industria nun 88,9% mediante o Plan Avanza. Estas becas buscan dar emprego a lucenses que actualmente se atopan en paro, así como ofrecer un servizo, sen custe algún, a colectivos sen ánimo de lucro como o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL); Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE), de Empresarias de Lugo, e Empresarial de Industria de Transformación del Polígono do CEAO, Universidades de Santiago de Compostela: Aula TIC; e Universidade da Coruña: CITIC.

As bolsas de emprego no sector da innovación engádense ás primeiras 5 bolsas de artesanía e deseño de Lugo e ás becas Lug02, a través das que 18 mozos lucenses están xa a traballar en prestixiosas empresas de Hamburgo, Praga, Belfast, Florencia, Viena e Lisboa.

Exit mobile version