Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 2.000 persoas coñeceron en Viveiro como funciona a Administración Electrónica

Nota de prensa:
Máis de 2.000 persoas coñeceron en Viveiro como funciona a Administración Electrónica

– Trala súa estancia na cidade do Landro, a seguinte parada da carpa @ da Deputación será o próximo domingo na Pobra do Brollón, coincidindo coa XX Feira do Viño de Vilachá

– A moderna instalación, de 120 metros cadrados, mostra ós lucenses de xeito directo e ameno como facer trámites vía internet e somerxeos nas novas tecnoloxías

A carpa do programa Innova-TE da Deputación que mostra á cidadanía como funciona a Administración Electrónica e as súas vantaxes recibiu a máis de 2.000 persoas durante os dous días nos que estivo instalada en Viveiro. O organismo provincial aproveitou a gran cantidade de xente que se desprazou á cidade do Landro con motivo da Semana Santa para continuar coa súa campaña de divulgación da e-Administración, ensinando nun moderno espazo e de xeito directo e sinxelo como facer trámites a través de internet.

Trala estancia da carpa @ da Deputación esta pasada fin de semana en Viveiro, localidade na que estivo por segunda vez, a seguinte parada será na Ribeira Sacra, en concreto na Pobra do Brollón, coincidindo coa celebración da Feira do Viño de Vilachá. Trátase dunha cita que cumpre este ano a súa vixésima edición e que destaca entre as feiras dos viño da zona por celebrarse en adegas centenarias. A degustación de caldos combínase coa doutros produtos típicos da comarca e con actuacións musicais.

Os visitantes da @ fan nada máis entrar un taller de DNI electrónico, a chave que deben utilizar os usuarios para acceder á Administración Electrónica e facer trámites on line. Logo de realizar este obradoiro, cuxos asistentes reciben un diploma acreditativo, os visitantes poden participar en sorteos de diverso material tecnolóxico imprescindible para o uso da e-Administración, como lectores de DNI, chaves USB, ebooks (lectores de libros electrónicos) e netbooks (ordenadores portátiles de baixo custe e reducidas dimensións).

As outras actividades desta carpa pioneira, de 120 metros cadrados e cor vermella, son unha pantalla táctil co libro guía das rutas do programa Km0 da Deputación; así como o denominado espazo “365”, unha aplicación de apoio escolar para nenos e pais, na que, entre outras opcións, poden crear o seu propio “avatar”; e unha aplicación de realidade aumentada, estas dúas últimas cedidas por Movistar. Como verdadeiro espazo tecnolóxico, a @ conta con sinal wifi gratuíta para conectarse a Internet, grazas á colaboración da empresa Vodafone.

Dispón ademais dunha pista de baile virtual, na que pequenos e maiores poden simular distintos escenarios e pasos de danza grazas a un ordenador e unha pantalla de plasma. Esta actividade é unha colaboración do Centro de Innovación Social “In Lugo”, un servizo pioneiro no Noroeste de España impulsado pola Deputación que se dedica á innovación empresarial no campo do benestar social.

A aula formativa do Innova-TE dá a coñecer así mesmo proxectos empresariais da provincia. Nesta ocasión, as firmas participantes son Porco Celta da Fonsagrada e Panadería Herbella, da propia Pobra do Brollón, que expoñen a súa actividade e produtos, e ofrecerán degustacións.

“In Lugo” segue formando en novas tecnoloxías

Outra das liñas de actuación impulsadas pola Deputación para estender o uso das novas tecnoloxías entre os lucenses, contribuíndo a eliminar a fenda dixital na poboación, evitando o illamento dos maiores e favorecendo un envellecemento activo, é o Centro de Innovación Social “In Lugo”, que continúa esta semana coas súas actividades divulgativas e de formación. Deste xeito, mañá arrancan tres cursos nas propias instalacións do centro: un sobre como manexar e as utilidades das principais redes sociais, que concluirá o mércores; outro sobre ofimática básica, na que os alumnos aprenderán a utilizar os programas informáticos Word, Excel e Power Point e que concluirá o sábado; e o terceiro de Lembranza Fotográfica, que mostra os asistentes como facer un blog con fotos actuais e antigas e que finaliza o venres. Este último obradoiro tamén será impartido nos centros de día da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Lugo (AFALU) dende mañá e ata o sábado, e o próximo luns, día 2 de maio.

Ademais, este sábado conclúen unhas xornadas para mostrar ós empresarios de Lugo como posicionarse nas redes sociais, iniciadas hai máis dun mes.

Exit mobile version