Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio millar de persoas participan esta semana no programa kmO da Deputación

Nota de prensa

O programa Km0 da Deputación bate esta semana récord de participantes ó alcanzar o medio millar

– A cantidade de viaxeiros aumenta debido á participación na iniciativa dos 100 asistentes ó Congreso Europeo de Mercados de Gando que se celebrará en Castro

– Un grupo de alumnos do CEIP Otero Pedrayo de Rábade e outro da Asociación de Veciños Santa Eulalia de Román, en Vilalba, redescubriron este martes a Ribeira Sacra e A Montaña, respectivamente

O programa Km0 da Deputación de Lugo bate esta semana récord de participantes ó ter demandado rutas pola provincia medio millar de persoas. O número de viaxeiros aumenta con respecto a outras semanas debido á participación na iniciativa dos cen asistentes ó Congreso Europeo de Mercados de Gando que se celebrará en Castro Ribeiras de Lea e que reúne persoas chegadas dunha ducia de países da UE. De feito, o congreso arrancará o xoves cunha ruta de Km0 por viñedos e adegas da Ribeira Sacra.

As primeiras saídas desta última semana de abril tiveron lugar este martes pola zona sur da provincia e pola comarca da Montaña. Fixéronas un grupo de 48 alumnos do CEIP Otero Pedrayo de Rábade e outros 48 membros da Asociación de Veciños Santa Eulalia de Román, en Vilalba, respectivamente, que iniciaron a súa viaxe cunha recepción no salón de actos do Pazo de San Marcos a cargo do Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño. Despois, os rapaces de Rábade desprazáronse a San Martiño e cubriron un tramo dunha ruta de sendeirismo, repuxeron forzas no restaurante “Torre Novais” e visitaron o muíño de Bendilló e a capela da zona, o túnel de Montefurado e o museo etnográfico de Quiroga. Os veciños de Vilalba, pola súa banda, continuaron o seu percorrido no Mazo de Santa Comba, cunha comida no hostal “Piornedo” e cun paseo pola palloza e este pobo de Cervantes e pola igrexa de Donís.

Para o mércores está prevista unha saída a Ribadeo, demandada pola Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde e que consistirá nunha visita á olería de Bonxe, unha comida no restaurante ribadense “Marinero” e unha travesía en lancha pola ría. Os 55 participantes subirán despois no ascensor panorámico do porto de Porcillán e achegaranse ó convento das Clarisas e ó casco histórico da vila. Na mesma xornada tamén haberá outra viaxe pola Mariña, neste caso por Cervo, que solicitou a Asociación de Veciños de Xustás, no Concello de Cospeito. Comezará cunha visita dos 55 inscritos ó Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación e continuará cunha comida no restaurante cervense “O Almacén”, un percorrido pola fábrica actual de Sargadelos e polas ruínas da antiga, pola Casa da Administración e o Paseo dos Namorados. A terceira excursión prevista farana 48 solicitantes individuais e terá como destino a Ribeira Sacra. Inclúe unha ruta de sendeirismo por San Martiño, comida no restaurante “Torre Novais” e visitas ó muíño de Bendilló e á capela, ó túnel de Montefurado e ó museo etnográfico de Quiroga.

A programación concluirá o xoves con outras tres saídas, unha delas a dos participantes no Congreso Europeo de Mercados de Gando, que coñecerán o mazo de Santa Comba, gozarán dunha degustación de viños e dunha comida na bodega Regina Viarium, e visitarán Gundivós, o Mirador de Cadeiras e a cidade de Monforte de Lemos. As outras dúas excursións faranas 55 membros da Asociación de Amas de Casa O Urogallo de Becerreá, que se desprazarán a Mondoñedo, e outros 55 integrantes do colectivo Os Ferreiros de Santa Comba da capital lucense, que estarán en Guitiriz. O grupo de Becerreá coñecerá as instalacións da Fundación TIC para comer despois no restaurante mindoniense “O Padornelo” e recorrer a Ponte do Pasatempo, o barrio dos Muíños –cunha visita a un obradoiro de zocas-, o Museo Diocesano e a confitería Alianza. Polo que respecta ó colectivo de Lugo, achegarase ó CENTRAD, comerá no balneario de Guitiriz e visitará as súas dependencias, fará a ruta dos Sete Muíños e para rematar coñecerá a igrexa e o reloxo analemático da vila chairega e asistirá a unha demostración de como se elabora a torta de millo na pastelería “La Esquina”.

Exit mobile version