Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros propón un debate público entre os tres grupos políticos que concorren ás municipais

Nota de prensa

O Bloque Nacionalista Galego de Barreiros propón un debate público entre os tres grupos políticos que aspiran á alcaldía de Barreiros.

O BNG de Barreiros ven de formular unha proposta ao resto dos candidatos á alcaldía para celebrar no Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro un acto público consistente nun debate donde se analice a situación actual do concello, tanto a nivel económico, urbanístico e tamén a nivel de xestión municipal, e se contrasten as diferentes propostas que os tres partidos aportan para gobernar o concello de Barreiros.

“Nunha sociedade democrática, o debate e a confrontación de ideas e programas debe ser algo normal e habitual, e os veciños e veciñas de Barreiros teñen dereito a coñecer de primeira man as propostas dos grupos que pretenden gobernar o concello, nun debate serio e constructivo”. Afirmou o candidato do BNG á alcaldía de Barreiros Antonio Veiga.

“O BNG está pola confrontación de ideas, nunca pola confrontación de persoas, porque da confrontación de ideas sempre saen novas e interesantes propostas que deberan levarse a cabo independentemente de quen as propoña e independententemente de quen vaia gobernar o concello”, afirman os nacionalistas de Barreiros.

O BNG agarda que esta proposta sexa ben recibida polos outros grupos políticos e se poida concretar en breves dias a data de celebración deste debate que tamén é agardado por moitos veciños e veciñas que queren saber cales son as propostas dos aspirantes á alcaldía para mellorar as diferentes áreas de actuación do concello: a economía e o emprego, a xestión municipal, o urbanismo, as infraestruturas, a zona rural, os servizos sociais, a cultura e o deporte, a mocidade e o ensino ou o turismo e o medio ambiente.

Desde o BNG de Barreiros tamén se anuncia que o próximo venres 29 de abril presentarase a candidatura coa que concurren ás eleccións municipais os nacionalistas de Barreiros. Será ás 9 da noite no novo Centro Sociocultural manuel Díaz Sampedro.

Exit mobile version