Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela mantén contactos cos colectivos e asociacións para facer balance de catro anos de goberno e compartir proxectos de futuro

Nota de prensa

Dende o BNG de Burela vimos mantendo dende hai unhas semanas unha serie de contactos cos distintos colectivos e asociacións do noso concello para facer un balance dos catro anos de goberno municipal e compartir proxectos de futuro.

Xa estivemos reunidos coas asociacións e clubs deportivos e o balance que fixeron eles e facemos nós demostra a boa sintonía e o traballo común que se vén desenvolvendo nestes anos de goberno.

Valorouse moi positivamente por parte dos clubs e asociacións o feito de “municipalizar” os servizos deportivos ofrecidos polo Concello, fronte ao modelo deportivo do PP cando gobernaba que “delegaba” estes asuntos nunha empresa privada que, evidentemente, cobraba polos seus servizos tanto ao Concello coma aos usuarios. Por parte dos clubs tamén se valorou moi positivamente a modalidade de convenios coas escolas deportivas polo impulso que supoñen ao deporte de base.

Fixemos tamén un balance da mellora das instalacións deportivas municipais: dende a ampliación do pavillón Vista Alegre e as melloras no seu interior, pasando polas feitas no campo da Marosa e a construción da pista de pádel e do magnífico campo de herba artificial que desfrutan os nosos futbolistas.

E o compromiso do BNG dende o goberno municipal é continuar con esta política deportiva posto que é a desexada polos clubs e asociacións e é recoñecida como un impulso decidido ao deporte, tanto de base, como á práctica deportiva para todos os públicos.

Continuaremos ofrecendo actividades deportivas nos colexios de primaria para o alumnado destes centros e tamén no verán para a conciliación da vida laboral e familiar, continuaremos coas Escolas Deportivas Municipais e os convenios cos clubs para o deporte de base. Continuaremos mellorando as nosas instalacións deportivas e como reto máis inmediato demandaremos á Xunta de Galiza a reforma integral do pavillón deportivo dos Castros. Trátase dun pavillón que debe de ser reformado pola Consellería de Educación posto que é da súa competencia e que, no mantemento diario que se fai dende o Concello, se veñen apreciando algunhas deficiencias que deberán de ser corrixidas: necesidade dunha nova cuberta, renovación do chan e renovación dos vestiarios.

Esta vai ser a nosa primeira actuación tras as eleccións do 22 de maio e o noso compromiso co deporte de Burela segue en pé:

apoio ao deporte de base, apoio aos deportes maioritarios pero tamén aos outros que se desenvolven no noso concello: artes marciais, ximnasia rítmica, ciclismo, motos, deportes náuticos.
continuación coas melloras e ampliación das instalacións deportivas do noso concello.
aposta pola práctica deportiva en xeral (para nenos, rapaces, maiores e mulleres) como medio próximo e axeitado para a mellora da calidade de vida e do benestar social dos nosos veciños e veciñas.

Exit mobile version