Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove asegura recoñece o traballo das asociacións e clubes do concello

Nota de prensa

O BNG recoñece o traballo das asociacións e clubes de Xove

As axudas aportadas polas administracións do BNG ao Concello de Xove no eido dos servizos sociais e mais ás diferentes asociacións culturais e clubes deportivos para o desenvolvemento das súas actividades están aí “aínda que o PP o negue tres veces, como tamén fixera San Pedro”, declarou Marco López.

Desde o Bloque Nacionalista Galego cren que o “erro voluntario” das declaracións dos populares atópase na interpretación que o goberno municipal fai do termo “Xove”, apoderándose de todo o que ten a ver co Concello e confundindo “Xove” con “goberno municipal do PP”. “A sociedade civil móvese e iso é de agradecer, por moito que lle pese ao Partido Popular”, declarou o candidato do BNG á alcaldía.

No Bloque insistiron en que o PP tense que decatar de que en Xove se fan moitas cousas nas que non participa o goberno do Concello, ou participa de forma anecdótica. Incluso existen actividades que se organizan a nivel particular, ou que realizan as pequenas e medianas empresas, ou tarefas que se coordinan desde a obra social da caixa de aforros, ou que se levan a cabo a través da grande industria (como é o caso de Alcoa). Son moitos máis os que participan desde fóra “de xeito altruísta” e, incluso, “poñendo cartos do peto”, dixo Marco López.

As asociacións e clubes deportivos, e a sociedade xovense en xeral, actúan con independencia, saíndo adiante grazas ao traballo desinteresado dos veciños e co lóxico apoio das diferentes administracións públicas. “Estas entidades non son propiedade de ningún alcalde, son patrimonio de toda a sociedade, e en Xove estamos moi orgullosos de todas elas”, sentenciou López.

Exit mobile version