Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove presentou unha candidatura amplamente renovada e con vocación de goberno

Nota de prensa

O BNG de Xove presentou unha candidatura amplamente renovada e con vocación de goberno

O Bloque Nacionalista Galego presentou o pasado venres a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais de maio. Foi nun acto convocado no Salón de Actos do Centro Cívico que logrou congregar numeroso público.
Ademais do cabeza de lista, Marco López, tamén se dirixiron aos veciños Fernando Blanco, Antonio Veiga e Xosé López Hermida. O ex conselleiro de Industria díxolles aos xovenses que “elixir o BNG, elixir a Marco López como alcalde, é elixir a boa educación fronte ao insulto, é elixir a unha persoa con boas ideas e mellores argumentos”. Veiga acusou os populares de non teren “proxecto político ningún para Xove” e contrapuxo a “cohesión” do BNG de Xove fronte á “continua discrepancia interna” dos populares locais. O número dous da candidatura, Hermida, resaltou que “é a hora da ideoloxía: é tempo de saber onde estamos e decidir cara a onde queremos camiñar”.
O acto tivo unha posta en escena moi orixinal. Marco López foi chamando un por un aos compoñentes da candidatura e conseguiu emocionar ao numeroso público asistente ao dedicarlle a cada un dos membros da lista unha curta descripción das súas cualidades. “Son homes e mulleres comprometidos e traballadores”, dixo López, “somos xente que realmente queremos cambiar as cousas, pero sobre todo somos un equipo cohesionado, con iniciativa política e capacidade de xestión”, declarou o candidato á alcaldía.
O BNG presentou unha candidatura ilusionante, con importante presenza de xente nova e onde cinco das persoas que ocupan os once primeiros postos non foron nunca nunha lista electoral. O cabeza de lista é a primeira vez que se presenta a uns comicios nese posto e tanto o número 2, como o número 3 ou a número 4 concurren por vez primeira a unhas eleccións.
Marco López criticou que, mentres eles xa foron debullando algúns dos puntos fundamentais do seu programa electoral, o único que trascendeu á opinión pública das propostas do PP foi que “pretenden pasar de tres dedicacións exclusivas que teñen na actualidade (dúas totais e unha parcial) a cinco, para un municipio de 3.600 habitantes”. O alcaldable advertiu que “iso significa que carecen dun proxecto real para o noso concello”, declarou, “e esta é unha mostra máis da falsa austeridade que tanto pregoan os populares”.

A candidatura do BNG de Xove componse das seguintes persoas:

1. Marco López López (Tramitador xudicial)
2. Xosé Manuel López Hermida (Profesor de Ensino Secundario)
3. Carlos Fernández Louzao (Xefe de Equipo en Alcoa)
4. Mª Luísa Pernas Quelle (Oficial Habilitada de Procurador)
5. Yobana González Castro (Auxiliar de Farmacia)
6. Xosé Luís Vale Blanco (Técnico de Calidade nunha conserveira)
7. David Díaz Meitín (Mantedor Electromecánico)
8. Carme Esther Ínsua Miranda (Diplomada en Química Industrial)
9. José Antonio Alonso Salgueiro (Prexubilado)
10. Mª Sabela Luísa Prieto Mariño (Labrega)
11. Sara Rei Balseiro (Mestra Diplomada en Educación Especial)

SUPLENTES:
1. Xosé Durán Cao (Traballador de Mantemento en Alcoa)
2. Natalia Bermúdez López (Autónoma e Licenciada en Química Ambiental)
3. Manuel Novo Villasante (Analista de Laboratorio en Alcoa)
4. Adrián Rego Rodríguez (Técnico en Climatización)
5. Mª Herminia Álvarez Andrade (Ama de casa)

Exit mobile version