Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presenta a lista para as municipais de Muras aspirando a devolverlle o goberno aos veciños

Nota de prensa
Os nacionalistas aspiran a devolverlle o Goberno aos veciños

secuestrado polo actual Alcalde para os seus intereses particulares.

Manuel Requeixo, do Pico Verde, encabeza a lista do BNG en Muras.

O Bloque Nacionalista Galego concurrira ás vindeiros eleccións municipais do 22 de Maio en Muras cunha renovada lista que nesta ocasión encabezará, Manuel Requeixo Arnejo, natural e veciño do Pico Verde, Licenciado en Historia pola USC e persoa vinculada ás organizacións non gubarnementais ligadas a integración de persoas con problemas de exclusión social.

Segundo explicou Requeixo “ a candidatura do BNG é unha equipa para posibilitar o cambio político do que Muras está tan necesitado, unha equipa para mudar o rumbo dun Concello dirixido por un goberno esgotado, unha equipa para devolver a ilusión aos veciños e restaurar a democracia. Democracia que significa igualdade no trato para os veciños, democracia que implica entender as persoas como suxeitos de dereitos e que polo tanto implique desterrar as prácticas clientelares. En definitiva tratase de rematar cun goberno que se caracterizou por vinte anos de promesas e outros tantos anos de incumprimentos”.

O cabeza de lista do nacionalistas adiantou que “as liñas centrais da alternativa programática dos nacionalistas van na triple dirección de favorecer o desenvolvemento económico do Concello, afortalar os servicios sociais e mellorar as infraestructuras municipais básicas. Non hai posibilidade algunha de asentar a poboación no Concello se non se actúa nestes tres eixos”, ao mesmo tempo que denunciou “ que a Casa do Concello non pode ser un cortixo ao servicio dos interese particulares do Alcalde, un espacio que na contra de dar resposta aos problemas e preocupacións dos veciños só está interesada en solventar aquelas cuestións que son do interese persoal do Alcalde. É o momento de poñer a institución ao servicio de todos, a comezar por considerar aos veciños por cidadáns e polo tanto como suxeitos de dereitos que non poden estar sometidos ao clientelismo e as diferencias de trato ás que tan dado é o Alcalde”.

Os nacionalistas que destacaron que a súa candidatura “é un espello do Concello que queremos facer , formado por veciños e veciñas de case a totalidade das parroquias, xeracionalmente diversa e profesionalmente plural. Unha candidatura renovada e de xente moza que non se resigna a que Muras sexa outra cousa, que quere e que aspira a que Muras non desapareza. É unha candidatura comprometida co interese xeral que non co particular, co noso concello que non con pexes partidarias e fundamentalmente cunha vocación de servicio a todos os veciños. Presentamos para solucionar problemas, non para crear outros, dividindo aos veciños ou enlameirando a vida política local”.

Acompañan a Requeixo nesta candidatura pola orde que sigue: Belén Chao Ramil (Coruxos-Viveirón, Traballadora de Prisións), Carlos Carballés Penabad (A Paleira-Muras, operario da construcción), Antonio Chao Puentes (Ucheiras-Muras, ensinante), Patricia Puentes Valle (Picheira-Muras, Graduada Social), Delio Fernández (Funqueixeira-A Balsa, encofrador), Carlos Requeixo Arnejo (Pico Verde, soldador). Manuel Requeixo destacou o convencemento da totalidade dos membros da candidatura de que “chegou a hora do cambio político a Muras. Non temos dúbidas de que o próximo 22 de Maio ábrese un novo tempo en Muras , un novo tempo que pensamos que vai ser liderado polo BNG e que vai significar en primeiro lugar a devolución do poder aos veciños, queremos que sexan os veciños quen gobernen no noso Concello e poñer remate ao secuestro do mesmo por parte do Alcalde”

Exit mobile version