Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Barreiros cédelle un local ao indixente acampado na área recreativa de Celeiro de Mariñaos

Nota de prensa

O CONCELLO CÉDELLE UN LOCAL DA SÚA PROPIEDADE AO INDIXENTE QUE DESDE HAI SEMANAS ESTÁ ACAMPADO NA ÁREA RECREATIVA DE CELEIRO DE MARIÑAOS.
Barreiros, 26 de abril de 2011. O Concello cédelle un local da súa propiedade ao indixente que desde hai semanas está acampado na área recreativa de Celeiro de Mariñaos. Así se acordou na sesión plenaria extraordinaria celebrada esta mañá.
O alcalde, Alfonso Fuente, sinalou que “no pleno abordóuse unha moción do Bloque Nacionalista Galego con respecto a un indixente que está a ocupar unha área recreativa desde hai tempo, este home vive no noso concello a pesares de non estar empadroado aquí, pero a esta xente hai que axudala. Nós en Barreiros teríamos que consideralo coma un transeúnte e o que non fixemos foi darlle traslado ao Concello de Ribadeo, que é onde está empadroado. Como puidemos actuamos con esta persoa e en principio se lle vai ceder un local, unha vivenda para que poida ubicarse alí coas mínimas condicións hixiénicas. Terá que conservar as instalacións en bó estado e será por un período de tempo que está por determinar ata que poida ir saindo desa situación na que vive”.
Pagos pendentes
O rexedor aludiu ás críticas realizadas polo portavoz do BNG sobre o recoñecemento extraxudicial de crédito aprobado no pleno de hoxe. Fuente Parga dixo que “é por importe de 13.000 euros para facer fronte a facturas que quedaron traspapeladas do 2010 e para poder aprobalas e pagalas recurrimos a este recoñecemento. Estamos a falar de facturas de 9 euros, de 83 euros… nalgúns casos son facturas do mes de decembro que as empresas trouxeron ao Concello en xaneiro ou febreiro deste ano, co que non queda outra que acudir un recoñecemento extraxudicial de crédito. Creo que é falar por falar, porque se está na época na que se está e parece que en política todo vale”.
Alfonso Fuente engadiu que “no pleno de hoxe tratáronse tamén asuntos coma a designación do persoal que formará parte das mesas electorais o vindeiro 22 de maio e dábase conta da subvención que se pediu á Xunta e que ronda os 300.000 euros a través do plan concertado para servizos sociais”.

Exit mobile version