Nota de prensa
O AUDITORIO DA CASA DA CULTURA ACOLLERÁ O VINDEIRO XOVES A PRESENTACIÓN DO MUSEO VIRTUAL DE BURELA. EN SEIS SALAS OS VISITANTES PODERÁN ACHEGARSE Á NATUREZA, Á PESCA, Á ARTE, Á HISTORIA DA VILA EN IMAXES, Á INDUSTRIA E Á SOCIEDADE.
Burela, 26 de abril de 2011. O auditorio da Casa da Cultura acollerá o vindeiro xoves ás 20:30 horas a presentación do museo virtual de Burela. En seis salas os visitantes poderán achegarse á natureza, á pesca, á arte, á historia da vila en imaxes, á industria e á sociedade.
A concelleira de Cultura, Neves Cando, dixo que “se trata dunha iniciativa que xurdiu no seo da comisión municipal para a creación do arquivo e do museo do noso pobo. Como xa comentamos noutras ocasións ata que non dispoñamos dun espazo físico para albergar estas dúas entidades decidimos crear un museo virtual de Burela que conteña o noso pasado, o noso presente e o noso futuro, a esencia da nosa vila a través das persoas que a habitan. Ise foi o noso obxectivo, que as nosas xentes sexan as protagonistas do noso museo”.
A edil nacionalista engadiu que “agora presentámolo a toda a sociedade de Burela este xoves. Este museo virtual está divido en seis salas, a primeira trata sobre a natureza do noso concello e fai un percorrido pola zona xeolóxica de Castrelo, polo río da vila, polo Monte Castelo e remata cun paseo guiado polas rochas do noso litoral. A segunda sala está adicada á pesca cun apartado especial para o barco museo e a feira do bonito, pero tamén cun apartado para falar do noso sistema de pesca artesanal. Na terceira sala percorremos á arte de Burela desde as pinturas da Vila do Medio e a nosa cultura castrexa ata unha arte máis efímera, a das alfombras florais das nosas festas patronais”. Neves Cando segue a contar que “a cuarta sala é a historia de Burela en imaxes e está centrada en catro temas, o mar, a sociedade, o traballo e o urbanismo. A quinta sala é o espazo adicado á nosa industria desde as primeiras fábricas ata o momento actual e cun apartado especial sobre a actividade pesqueira do noso porto. E a sexta sala é a da sociedade, a de Burela como vila de acollida desde hai de anos de persoas procedentes de todas as partes o mundo, o que reflexa o pasado, o presente e o futuro do noso pobo”.
A responsables de Cultura agradeceu “a todas as persoas, colectivos e asociacións que participaron activamente na elaboración de todo este material e queremos convidar aos veciños e veciñas de Burela a acudir o xoves ao auditorio a ver todo isto polo miudo. A partires dese día Burela, as súas xentes, a súa historia, a súa cultura, a súa natureza… estarán na rede a través deste museo virtual que é o reflexo de todos nós. A partires do xoves poderemos disfrutar de todo isto no seguinte enderezo www.museoburela.org”.