Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela creará unhas 150 prazas de aparcamento nas inmediacións do Hospital da Costa

Nota de prensa:
O CONCELLO CREARÁ UNHAS 150 PRAZAS DE APARCAMENTO NAS INMEDIACIÓNS DO HOSPITAL DA COSTA. ALFREDO LLANO ASEGUROU QUE O EQUIPO DE GOBERNO HABILITARÁ UN SOLAR DA SÚA PROPIEDADE E QUE ESTÁN EN NEGOCIACIÓNS COS DONOS DOUTROS TERREOS PARA LEVAR ADIANTE ESTA INICIATIVA O ANTES POSIBLE.

Burela, 1 de abril de 2011. O Concello creará unhas 150 prazas de aparcamento nas inmediacións do hospital da Costa. O alcalde, Alfredo Llano, asegurou que o equipo de goberno habilitará un solar da súa propiedade e que están en negociacións cos donos doutros terreos para levar adiante esta iniciativa.

O rexedor sinalou que “debido á grande necesidade que hai na zona do hospital e feito un estudio do que poderíamos incrementar as prazas de aparcamento decidimos aproveitar un dos solares que é propiedade do Concello, está mesmo fronte ao colexio Vista Alegre e preto da gardería. É un terreo bastante grande e ao lado hai outro dunha persoa coa que estamos en negociacións para que nos deixe de xeito provesional acondicionalo para a creación de prazas de aparcamento”. Alfredo Llano subliñou que “segundo os primeiros cálculos realizados alí poden coller uns 100 coches, co que estamos diante dunha cifra importante”.

O alcalde de Burela engadiu que “tamén miramos unha zona moi próxima ao hospital na parte de arriba onde hai unha rúa que comunica co cuartel, alí hai un lugar que tamén habería que acondicionar, está cheo de arbustos, de maleza… hai que limpalo e botar algún material que permita acceder e aparcar con comodidade. Neste caso estimamos que poderían coller outros 35 coches e na rúa do Instituto queremos aproveitar dous solares máis, de tal xeito que en total poderíamos estar falando de 150 ou 160 vehículos”. Llano considera que “todo isto é sempre unha preocupación do noso equipo de goberno, procurar facer as cousas o mellor posible para os veciños. Hai que darse conta que na zona do hospital da Costa esta necesidade de creación de aparcamentos é urxente, imos procurar facer todas as xestións rápidamente para que esas prazas sexan unha realidade”.

Exit mobile version