Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela participará na 36ª edición da Feira de Mostras de Arévalo

Nota de prensa:
O CONCELLO PARTICIPARÁ NA XXXVI EDICIÓN DA FEIRA DE MOSTRAS DE ARÉVALO QUE DA COMEZO MAÑÁ.

Burela, 27 de abril de 2011. Burela estará presente na XXXVI edición da Feira de Mostras de Arévalo 2011 que terá lugar do 28 de abril ao 1 de maio.O concelleiro delegado de Turismo, José González Legazpi, asegura que “nesta feira atópanse representados os sectores institucionais, turísticos, artesanais e agroalimentarios e compleméntase tamén coa presenza dos bodegueiros de viños e licores e mesmo cun espazo adicado á maquinaria agrícola e automoción”.

O edil nacionalista engade que “conxuntamente celébrase tamén en Arévalo a feira de antigüidades que xa vai pola súa XXIV edición. Ésta ten coma característica principal a exposición de pezas de alta época dunha antigüidade mínima de 100 anos; en definitiva, un espazo amplo e plural onde Burela, dará a coñecer os seus atractivos turísticos, gastronómicos, a súa historia e demais, como en anos anteriores a través dun stand apropiado en espazo e distribución”.

O responsable de Turismo de Burela explica que “acudimos á feira de mostras de Arévalo, porque entendemos que na promoción e na divulgación atópase a consecución dos obxectivos turísticos, entre outras cousas, a potenciación radica en manterse naquelas feiras de interese. E a de Arévalo polo seu propio asentamento, diversidade e a súa cercanía con Madrid é interesante para a promoción de Burela coma destino vacacional, para divulgar a nosa gastronomía e todo o que ten interese no ámbito turístico e mesmo residencial”.

No que vai deste 2011 Burela estivo presente xa en Fitur en Madrid, en Expourense e recentemente no Salón Internacional de Barcelona a través de Turgalicia e agora en Arévalo en Ávila. E nos vindeiros meses acudirá a Ferrol, a Vigo, a Valladolid, a Bilbao e a Xixón, “para seguir valorizando o noso interese turístico e gastronómico, no senso de afianzar e posibilitar cotas de crecemento para Burela dentro do ámbito turístico e por tanto de potenciación xeral para a economía do Concello”.

Exit mobile version