Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo vai reforestar con especies autóctonas o monte da Escarabelada

Nota de prensa:

O CONCELLO INICIOU OS TRABALLOS DE TALA DE EUCALIPTOS NO MONTE DA ESCARABELADA PARA PROSEGUIR POSTERIORMENTE Á SÚA REFORESTACIÓN CON ESPECIES AUTÓCTONAS

Este ambicioso proxecto do grupo de Goberno local abrangue a actuación nunha superficie superior ás 9 hectáreas de titularidade municipal situada dentro do conxunto histórico-artístico de Sargadelos

Unha vez remate a corta e roza do monte, procederase á plantación de máis de 5.000 plantas de especies autóctonas

Esta iniciativa conta co financiamento da Xunta de Galicia e é posible grazas á colaboración entre o Concello de Cervo, a asociación de ámbito autonómico “Dobre Espacio” e a asociación “A Sombriza”

Cervo, 7 de abril de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, confirmou esta mañá que actualmente se están a desenvolver a roza de monte baixo e tala de eucaliptos no monte de propiedade municipal da Escarabelada (Sargadelos) como traballo previo ó ambicioso proxecto de reforestación con especies autóctonas que ten pensado acometer o executivo local cervense neste entorno natural encadrado dentro do Conxunto Histórico-Artístico sargadeliano.

“O que pretendemos é repoboar con especies propias desta zona máis de 9 hectáreas de monmte de titularidade municipal co obxectivo de recuperar o antigo bosque atlántico característico desta zona para que se converta nunha gran aula verde coas súas respectivas sendas botánicas” sinalou o rexedor cervense.

Segundo indicou Villares, unha vez queden rematados os traballos de roza e corta das especies non autóctonas existentes neste monte, procederase posteriormente á plantación de máis de 5.000 plantas de especies como carballos, abelairas, freixos, espiños, loureiros, teixos, acivros, teixos, etc… Este proxecto está financiado pola Xunta de Galicia e na súa materialización interveñen, ademais do Concello de Cervo, a asociación xuvenil de ámbito galego “Dobre Espacio” e a asociación local “A Sombriza”.

“Esta actuación vai no camiño da protección e preservación do noso hábitat natural e tamén na recuperación e revalorización do noso monte” sinalou Villares; ao tempo que lembrou que este proxecto é un paso máis dentro da política medioambiental levada a cabo nos últimos polo grupo de Goberno e nos que cabe salientar actuacións coma a senda botánica feita hai uns 5 anos nunha pequena área deste mesmo monte ou a recente colaboración coa asociación de montes en man común de Cervo para a recuperación do monte da Bidueira.

Exit mobile version