Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo organiza actividades para nenos durante a Semana Santa

Nota de prensa:

DEPORTES, TÍTETES, BAILE OU ACTIVIDADES NO TELECENTRO SON ALGUNHAS DAS PROPOSTAS DO CONCELLO PARA OS NENOS NA VINDEIRA SEMANA SANTA.

Ribadeo, 13 de abril de 2011. Deportes, títeres, teatro, baile ou actividades no telecentro son as propostas do Concello de Ribadeo para os nenos na vindeira semana santa. O programa foi presentado hoxe pola concelleira Mariluz Álvarez Lastra.

A edil de Educación e Cultura contou que “os días 18, 19 e 20 vai haber polas mañás no telecentro actividades coas novas tecnoloxías para nenos a partires dos 3 anos. Haberá un turno de 11 a 12 e outro de 12 a 13. Hai que inscribirse porque serán un máximo de 20 participantes en cada grupo, polo que as persoas que o desexen deben chamar á OMIX ao 982 120 808”.

Álvarez Lastra manifestou que “despois teremos a pista 3 x 3 de fútbol que estará no Cantón dos Moreno de 11 a 14 horas e tamén teremos actividades lúdicas no parque de San Francisco. O 18 de abril de 12:30 a 13:30 no auditorio municipal terá lugar un obradoiro de monicreques para nenos a partires de 6 anos. Neste caso as prazas tamén son limitadas, polo que haberá que inscribirse na OMIX”. A concelleira nacionalista engadiu que “o 18 ás 17:30 horas será tempo para o teatro con Viravolta e Páxaro de lume. Será no auditorio municipal e o prezo da entrada será de 2 euros. O 19 de abril está programada unha xornada lúdica de 16 a 20 horas no parque de San Francisco ou no pavillón polideportivo (no caso de que o tempo non acompañe). Os nenos poderán disfrutar de actividades multimedia, tenis de mesa, futbolín humano, pista americana, supergalaxia e animación musical. Tamén haberá xogos de animación para os máis pequeniños”.

E o 20 de abril ás 17:30 horas no auditorio municipal Títeres Trompicallo representará O día que chegou unha nube. O espectáculo está dirixido a nenos de 1 a 5 anos e o custe da entrada será de 2 euros. A responsable de Educación e Cultura dixo que “nos folletos que se repartirán estes días polos centros de ensino pais e alumnos atoparán toda esta información, pero que saiban que haberá actividades do 18 ao 20 de abril e que é preciso inscribirse para participar no obradoiro de monicreques e nas actividades no noso telecentro”.

Exit mobile version