Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo realizará gratis a declaración da renda aos veciños que o soliciten

Nota de prensa

O CONCELLO REALIZARÁ DE XEITO GRATUITO A DECLARACIÓN DA RENDA DE 2010 A TODOS OS VECIÑOS QUE ASÍ O SOLICITEN. FERNANDO SUÁREZ DI QUE ESTA MEDIDA, LEVADA ADIANTE EN ANOS ANTERIORES, CONTA UNHA GRANDE ACEPTACIÓN EN RIBADEO.

Ribadeo, 18 de abril de 2011. O Concello realizará de xeito gratuito a declaración da renda de 2010 a todos os veciños que así o soliciten. Será os mércores dos meses de maio e xuño. Os interesados poden pedir cita xa desde mañá 19 de abril.

O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “outra vez máis levamos adiante esta medida, tal e como vimos facendo nos últimos anos desde o Concello de Ribadeo de realizar estas xestións, que son as que verdadeiramente lle interesan á xente, de facilitar algunhas laboras, de achegar a administración ao cidadán, etc. Por iso voltamos a poñer en marcha a iniciativa de axudar á xente a facer a declaración da renda de 2010, para o cal contaremos co apoio técnico e informático da Axencia Tributaria e onde os vindeiros mércores de maio e xuño faremos ese trámite a todas aquelas persoas que o queiran solicitar e de maneira totalmente gratuita”.

O rexedor advertiu que “xa a partires de mañá abrirase o prazo para que a xente poida pedir cita mesmo por teléfono e emprazarémolos para un día e para unha hora co fin de que teñan que agardar o menos posible. Esta iniciativa que levamos facendo desde hai uns anos conta cunha grande demanda e aceptación por parte dos veciños e veciñas do noso concello, que valoran positivamente estes servizos de cercanía que prestamos e que nos encanta, un ano máis, volvelo a poñer a disposición de todo o mundo”.

Pleno extraordinario

Ás 20 horas dará comezo o pleno extraordinario que se celebrará hoxe no Concello de Ribadeo para someter a aprobación o proxecto de adxudicación das obras de reforma e ampliación do pavillón polideportivo municipal.

Exit mobile version