Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal de Cervo aprobou uns gastos de 5,9 millóns de euros para os orzamentos de 2011

Nota de prensa

O Pleno da Corporación cervense aprobou na sesión que tivo lugar na mañá de hoxe as contas da Facenda local

O GOBERNO MUNICIPAL CONTEMPLA UNS GASTOS PRÓXIMOS AOS 6 MILLÓNS DE EUROS NOS ORZAMENTOS DE 2011

As contas municipais do presente exercicio caracterízanse pola contención do gasto público, salvo nos servizos sociais, programas educativos, seguridade, cultura e limpeza

A porcentaxe de débeda viva nos once últimos anos reduciuse en 78 puntos porcentuais o que supón un avance substancial no saneamento das contas públicas municipais.

Cervo incrementa o investimento real en 830.000 euros, reducindo os gastos correntes nun 5,7 %

Cervo, 25 de abril de 2010.- No día de hoxe a corporación municipal de Cervo aprobou os orzamentos municipais correspondentes ao presente ano 2011. O Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, explicou que o Goberno Municipal elaborou un orzamento nivelado por un importe de 5.900.694,77 euros.

MENOS GASTOS, INCREMENTO DA INVERSIÓN.
Os ingresos aumentan nun 8,27% con respecto ós do exercicio anterior, debido a que se engadiron as achegas autonómicas anuais para a execución das obras da Praza dos Campos e do Centro de Día-Residencia en San Ciprián, segundo o contemplado nos convenios asinados coa Xunta de Galicia.

Os gastos en bens correntes e de servizos diminuíron en 86.231,11 euros, o que representa unha baixada do 5,72% respecto da anualidade anterior, afondando na aplicación do plan de austeridade e racionalización do gasto superfluo. Con todo os orzamentos non recortan senón que aumentan a partida relativa a investimentos reais en máis de 830.809,02 Euros.

CONXELACIÓN DOS GASTOS DOS ÓRGANOS DE GOBERNO
As contas municipais non proceden á actualización desta partida, polo que as retribucións dos concelleiros, asistencias a plenos, etc… e retribucións do persoal quedan igual que no ano 2010. Non obstante, incrementase a aplicación orzamentaria destinada aos gastos de acción social; en concreto os gastos médicos do persoal municipal, pasando de 6.000 euros no exercicio 2010 a 9.000 euros no 2011.

Do análise polo miúdo dos orzamentos do 2010 dedúcese que o investimento centrarase en programas sociais, educativos e fomento do emprego, ademais de obras públicas, seguridade, protección civil, cultura, medio ambiente e limpeza. O Goberno municipal mantén as axudas destinadas as comisións organizadoras dos festexos nas distintas parroquias.

PLAN DE AUSTERIDADE
O Executivo que preside Alfonso Villares segue realizando un control do gasto, sen deixar de lado unha activa política inversora no mantemento dos servizos públicos de calidade e no relativo ao mantemento das políticas de gasto social. O primeiro edil explicou que o Goberno municipal continua cun plan de austeridade do gasto municipal neste exercicio económico co obxectivo de afrontar con “responsabilidade” a actual situación de crise, que está a afectar dun xeito evidente á situación de tesourería das administracións locais.

Con esta fórmula, o Goberno municipal pretende garantir a prestación de servizos de calidade para todos os veciños pero facelo dun xeito coherente coa actual situación económica. Todas elas baséanse no control do gasto público pero mantendo o esforzo orzamentario en materia de políticas sociais e de benestar e o investimento en servizos de promoción do deporte, da Cultura e dos servizos públicos (Escolas Deportivas Municipais, mantemento e melloras na piscina municipal, rede de telecentros, actividades culturais, servizos sociais e atención domiciliaria, …).

REDÚCESE O ENDEBEDAMENTO
Por outra banda, cabe salientar unha evolución positiva da débeda viva do Concello, isto é, da débeda bancaria desta administración pública que se reduciu nos dez últimos anos. Mentres que en 1999 este índice de endebedamento bancario en relación cos ingresos correntes era dun 160,32% a finais deste ano pasará a ser do 82,19%. O feito de que esta magnitude veña de reducirse en 78 puntos porcentuais, desde que accedeu á responsabilidade de Goberno municipal o PP, supón un avance substancial no saneamento das contas públicas municipais, sobre todo, tendo en conta o contexto de crise económica actual.

Exit mobile version