Nota de prensa
O Observatorio presenta o libro-cd Actitudes de xénero no profesorado e alumnado de secundaria da Mariña. Claves para unha escola coeducativa
A presentación tivo lugar no IES de Foz e contou coa presenza de varias das autoras
O Observatorio da Mariña pola Igualdade presentou onte, xoves 28 de abril, o seu libro-cd Actitudes de xénero no profesorado e alumnado de secundaria da Mariña. Claves para unha escola coeducativa
O libro-CD é unha monografía pioneira na comarca que, ao longo das súas 150 páxinas, achega datos reveladores sobre as percepcións de xénero na educación na nosa comarca e ofrece unha guía de recursos e actividades para avanzar cara a unha escola coeducativa. Esta monografía é resultado dun exhaustivo estudo cuantitativo e cualitativo levado a cabo durante o ano 2010 polas membras do Observatorio en todos os IES da Mariña.
A publicación está dividida en diversos capítulos: unha achega ao concepto de igualdade de xénero no marco coeducativo, os obxectivos e a metodoloxía da investigación, os datos obtidos no traballo de campo (tanto no caso do profesorado como do alumnado), e finalmente as conclusións e unhas pautas de acción para o fomento de valores igualitarios mediante a docencia. Así mesmo, o libro complétase cun cd cunha escolma de materiais didácticos sobre coeducación para o profesorado.
Entre as conclusións o máis resaltable é a clara contradición entre a teoría e a práctica na inclusión da igualdade e a coeducación nas aulas, polo que dende o Observatorio resaltamos a total vixencia da reivindicación dunha escola coeducativa na que se aplique o principio de igualdade para garantir unha educación integral das persoas.
Para o Observatorio resultaba importante realizar un estudo rigoroso e exhaustivo sobre as actitudes de xénero no profesorado e alumnado da secundaria da nosa comarca como paso fundamental para a súa propia toma de conciencia e, como consecuencia desexable, para a posterior acción positiva a favor da igualdade de xénero nas aulas. Non só analizar a situación e describir a realidade, senón tamén ofrecer ferramentas útis que permitan avanzar cara unha educación máis igualitaria.
O libro-cd tamén será presentado mañá, sábado 30, no cine-teatro de Ribadeo, nas IV Xornadas formativas sobre a abordaxe integral da violencia de xénero no ámbito local que organiza o Concello de Ribadeo a través da súa delegación de Muller, o Centro de Información ás Mulleres e a área de Igualdade da Deputación Provincial de Lugo.