Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo recibirá unha axuda de 389 mil euros da Xunta para a redacción do plan urbanístico

Nota de prensa

A XUNTA ACHEGOU 1,8 MILLÓNS DE EUROS A DEZ CONCELLOS LUCENSES PARA COLABORAR COA REDACCIÓN DO SEU PLANEAMENTO URBANÍSTICO

A delegada territorial, Raquel Arias, subliña a necesidade de “contribuír a ordenar o noso territorio”, con normas máis racionais e con investimentos
Por primeira vez incluíronse subvencións aos plans especiais de protección do patrimonio, o que permitiu engadir o proxecto para a A Fortaleza, en Castroverde

Lugo, 26 de abril de 2011.- A Xunta de Galicia achegou un total de 1.844.290 euros a dez concellos lucenses para colaborar cos custos que ocasiona a redacción dos planeamentos urbanísticos.

Estas subvencións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas financian os honorarios de redacción de instrumentos de planeamento urbanístico nos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes, que habitualmente afrontan notables dificultades orzamentarias para poder abordar esta tarefa de regulación urbanística.

A delegada territorial, Raquel Arias, subliñou a importancia deste tipo de actuacións por canto “contribúen a ordenar o noso territorio, unha tarefa pendente, imprescindible para o noso crecemento, que este goberno acomete tanto mediante a elaboración dunha normativa urbanística máis racional como mediante investimentos e actuacións concretas”.

A delegada referiuse ao novo Plan de Ordenación do Litoral ou ás Directrices de Ordenación do Territorio como “instrumentos que orientarán a construción da nova Galicia, respectuosa coa súa esencia, pero máis harmoniosa e equilibrada”.

Arias detallou que os concellos da provincia de Lugo que se beneficiaron nesta última convocatoria de axudas para a redacción de plans urbanísticos foron os de Begonte, O Corgo, Negueira de Muñiz, Monforte de Lemos, Sarria, Ribadeo, Monterroso, Castro de Rei e Chantada.

Ademais, incluíronse por primeira vez no ámbito das subvencións os plans xerais e plans especiais de protección que tiveran por obxecto preservar o patrimonio cultural de asentamentos de carácter histórico ou de singular valor arquitectónico, o que permitiu engadir o proxecto presentado polo concello de Castroverde para o entorno da Fortaleza.

A delegada destacou que non se trata de subvencións en concorrencia competitiva senón que se atenden todas as peticións, distribuíndo o crédito en función de características obxectivas tanto do proxecto como do municipio interesado (superficie, entidades de poboación, número de habitantes…).

Dada a natureza dos traballos, estas axudas son susceptibles de aboamentos parciais a medida que se desenvolve o plan, anticipando un 20% dende o momento da contratación da redacción do proxecto.

As axudas consignadas para os concellos lucenses son as seguintes:

CONCELLO

IMPORTE (en euros)

Begonte

115.020,00

O Corgo

235.049,76

Negueira de Muñiz

93.646,17

PEPCHA Monforte de Lemos

377.338,50

PEPCHA Sarria

242.628,75

PEPCHA Ribadeo

389.245,50

PEP A Fortaleza Castroverde

56.070,00

PEPCH Monterroso

147.000,00

PEPCH Castro de Rei

120.487,50

PEPRICH Chantada

67.803,75

1.844.289,93

Exit mobile version