Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 300 persoas paticipan na segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego

Nota de prensa

Arranca a 2ª fase do Pacto Provincial polo Emprego con 24 novas accións formativas e preto de 300 participantes

– Os Concellos de Chantada, Castro de Rei e Burela acollen dende hoxe o curso de “Operacións Auxiliares de Fabricación”, de 380 horas

– A formación continuará este mes noutros 17 municipios, nos que se formarán a desempregados nos sectores sociosanitario, turismo e monitor de tempo libre

– A Deputación xa formalizou a solicitude ante o Ministerio de Política Territorial para acadar novos fondos europeos que permitan dar continuidade a este programa e ampliar os cursos a 1.200 persoas máis

A Deputación arrancou este luns a segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego co que organismo provincial está a formar dende o pasado mes de marzo a desempregados da provincia nas profesións con máis futuro en Lugo e que foron previamente diagnosticadas dentro deste programa, co-financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo. A segunda fase, na que participan os últimos 288 seleccionados dos 576 ós que vai dirixida a iniciativa, inclúe 24 novas accións formativas de 8 especialidades diferentes.

Os cursos dispoñen de 100 horas de media por mes. Precisamente, este luns os Alcaldes de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño; Chantada, Manuel Anxo Taboada; e Burela, Alfredo Llano, este último acompañado pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez; saudaron ós participantes da acción formativa “Operacións auxiliares de fabricación”, de 380 horas, e que se desenvolve dende hoxe nestes Concellos. O martes, en Foz, Castroverde e Portomarín, iniciarase o de “Técnico de Transporte Sanitario”, dotado con 385 horas formativas; o mércores, en Burela, Baralla e Chantada, o de “Auxiliar de enfermería en xeriatría” (300 horas); e o venres, en Mondoñedo, Guitiriz e Pobra do Brollón, o de “Coidador de Discapacitados Físicos e Psíquicos”, con 200 horas lectivas.

A vindeira semana, a Deputación continuará co desenvolvemento deste programa. Neste senso, levaranse a cabo dúas novas accións formativas: “Atención Especializada a Enfermos de Alzheimer” -250 horas-, que se impartirá en Viveiro, Vilalba e Pantón; e “Operacións básicas de Aloxamentos” -420 horas-, en Viveiro, Rábade e Sober. A finais de abril, os municipios de Sarria, Lourenzá e Bóveda acollerán o curso de “Monitor Sociocultural” -300 horas-, e os de Pontenova, Castro de Rei e Monforte, o de “Monitor de Actividades de Tempo Libre Infantil e Xuvenil” -275 horas-.

A formación está destinada a todos os desempregados da provincia, agás o do Concello de Lugo que ten máis de 5.000 habitantes e o seu propio Pacto. O Programa inclúe 45 accións formativas relacionadas coas áreas sociosanitaria, hostalería, turismo e forestal. Suman máis de 15.000 horas de formación e 60.000 de prácticas en empresas. A formación ten un custe 0 para os participantes, quenes reciben unha axuda económica equivalente ó 75% do IPREM, é dicir, uns 400 euros mensuais. En canto a distribución dos participantes, 246 pertencen ós Concellos da zona centro; 192 á Mariña e 138 á zona sur.

Máis formación para a provincia

Un total de 1.600 persoas formalizaron a solicitude no INLUDES para participar no programa, case o triple das prazas ofertadas. Tendo e conta o éxito de convocatoria, a Deputación xa formalizou a solicitude ante o Ministerio de Política Territorial para acadar novos fondos europeos que permitan dar continuidade a este programa, a través dun novo proxecto: Pacto polo Emprego 2. Con esta iniciativa, o organismo provincial ten previsto ampliar a formación iniciada polo programa existente para seguir xerando novas oportunidades de emprego nas profesións máis demandadas.

Conta cun orzamento de 5.243.000 euros dos que o Goberno Central aportará o 80%, 4.193.400, e a Deputación o 20% restante, 1.048.600. Dentro desta iniciativa, a Deputación ten previsto ampliar a formación que na actualidade se está a impartir, de tal xeito que serán 1.200 persoas máis as que se beneficiarán da formación, e que se engaden ás 576 que a están recibindo nestes momentos. Ademais facilitarase que os beneficiarios poidan optar á obtención do Certificado de Profesionalidade que concede a Xunta de Galicia e que é imprescindible para moitas profesións.

Exit mobile version