Site icon Crónica3.com A Mariña

Voluntarios de Protección Civil de Ribadeo extinguiron un incendio nunha vivenda en ruínas

Nota de prensa

FERNANDO SUÁREZ AGRADECE O TRABALLO REALIZADO POLOS VOLUNTARIOS DE PROTECCIÓN CIVIL PARA EXTINGUIR O INCENDIO QUE ONTE SE DECLARABA NUNHA VIVENDA EN RUINAS. O ALCALDE PÍDELLE Á XUNTA QUE MANTEÑA OPERATIVOS ESTES EFECTIVOS PARALELAMENTE Á POSTA EN MARCHA DOS PARQUES DE BOMBEIROS.

Ribadeo, 26 de abril de 2011. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agradece o traballo realizado polos voluntarios de Protección Civil para extinguir o incendio que onte se declaraba nunha vivenda en ruinas da rúa Ibáñez. O rexedor pídelle á Xunta que manteña operativos estes efectivos paralelamente á posta en funcionamento dos parques de bombeiros.

Suárez Barcia explicou que “o incendio rexistróuse nun inmoble do casco vello ubicado ao final da rúa Ibáñez, nunha vivenda en situación de ruina que estaba ocupada, por dicilo dalgún xeito, por unha persoa indixente. A casa ardeu na súa totalidade e quero agradecerlle públicamente aos voluntarios de Protección Civil que estiveron alí apagando o lume, alí estivemos dúas horas, como tamén acudiron membros da Policía Local e da Garda Civil”.

O rexedor dixo que “son destas vivendas vellas que teñen moita madeira, polo cal o feito de apagar un incendio é complicado aínda que todos os efectivos estean alí, hai moita madeira e tarda moitísimo en ser apagado o lume. Producíuse onte unha fumareda que se puido ver desde varias partes de Ribadeo, polo que a moitos lles sorprendeu ver tanto fume alí no casco vello”.

Fernando Suárez insistiu “non quero máis que agradecer o seu traballo aos efectivos de Protección Civil, dado que o Grumir non empeza a traballar ata principios de mes, porque dun xeito altruista e voluntarioso estiveron traballando como auténticos profesionais para sofocar o incendio. Disto todos debemos destacar unha lección, os servizos de protección, de extinción de incendios e primeira asistencia deben permañecer en vilas como a nosa, aínda que eu alégrome de que chegue a haber un parque de bombeiros en Barreiros”. O alcalde considera que “unha vila que xa non é unha vila senón que é unha pequena cidade en servizos, en poboación, en problemas como é Ribadeo debe ter sempre un operativo cercano, dado que a inmediatez na resposta, ben sexa polo Grumir, ben sexa por Protección Civil é moito máis rápida que a da xente que ten que vir desde Barreiros. Vir nun vehículo pesado por moita autovía que teñamos estamos a falar de 15 ou 20 minutos e despois hai que engadir o tempo empregado para atopar o sitio, isto resólvese en moi poucos minutos cando os operativos parten do propio concello”.

O rexedor quixo que “quede ben claro que a Xunta debe ter en conta que é o que vai facer unha vez que se poñan en marcha os parques de bombeiros con estas vilas como Ribadeo, que está nun extremo da Mariña, que ten unha entidade moi importante e que nunca debe quedar desprotexida porque teñamos un parque de bombeiros, senón que debemos seguir tendo efectivos con cooperación económica da Xunta para poder seguir levando a cabo este tipo de actuacións”.

Exit mobile version