Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación A Sombriza de San Cibrao participa na reforestación de 60 mil metros cadrados en Sargadelos

Nota de prensa

Plantaranse manualmente 3.500 árbores autóctonas nunha actividade na que o colectivo cultural colabora xunto a outras asociacións pertencentes á Federación de Xuventude de Galicia, e o Concello de Cervo

A ASOCIACIÓN A SOMBRIZA IMPLÍCASE NO PROXECTO DE REFORESTACIÓN DO MONTE ESCARABELADA NO CONXUNTO HISTÓRICO ARTÍSTICO DE SARGADELOS

Animan a todo aquel que queira participar na plantación a achegarse á area recreativa das antigas fábricas de Sargadelos este sábado día 7 a partir das 9 da mañá.

Cervo, 06 de maio de 2011.- A asociación cultural A Sombriza asumiu o compromiso de implicarse no proxecto de reforestación do monte da Escarabelada no Conxunto Histórico-Artístistico de Sargadelos. Os membros deste colectivo cervense participarán nos traballos de repoboación forestal xunto ao colectivo xuvenil Dobre Espacio –organizador desta actividade-, outros colectivos pertencentes á Federación de Xuventude de Galicia (FEXUGA) á Consellería de Medio Ambiente e ao Concello de Cervo.

Desde A Sombriza animan a todo aquel que queira participar na plantación a achegarse á area recreativa das antigas fábricas de Sargadelos mañá sábado 7 de maio, a partir das 9 horas. A partir de entón comezarán os traballos para a reforestación deste monte, situado nun paraxe absolutamente marabilloso, con especies autóctonas.

Actualmente a zona a repoboar atópase plenamente dedicada a uso forestal cunha plantación monoespecifica de eucaliptos.O obxecto da actuación é lograr mediante unha repoboación protectora un triple obxectivo: devolver o espazo a un estado parecido ao orixinal, conducir a paisaxe a un novo nivel funcional de máis calidade que o presente e volver pór en valor unha zona que perdeu a súa capacidade.

Tal e como explica o colectivo cultural ademais esperan uns beneficios mediambientais de xeito indirecto como son a protección fronte á erosión , a regulación do ciclo da auga, unha maior fixación de CO2 , o mantemento da biodiversidade e dun espazo para o lecer asociado á paisaxe, á presenza de cogomelos e á proliferación e refuxio de especies cinexéticas.

A Xunta Directiva da Sombriza explicou que con esta actuación intentarán reproducir as características dun bosque propio da zona: os bosques autóctonos ou fragas. Estas masas forestais, que se atopan aquí moi preto da área de contacto entre os sectores bioxeográficos Galaico-Asturiano e Galaico-Portugués, constitúen a mellor representación sobrevivinte en Europa dos bosques atlánticos termófilos, co cal nos decantaremos cara a ese concepto, un bosque atlántico mixto, formado por diversidade de especies de frondosas na súa maioría e arbustos asociados a esas formacións.

carballo (Quercus robur)
abeleira (Corylus avellana)
freixo (Fraxinus excelsior),
pradairo (Acer pseudoplatanus),
espiño albar (Crataegus monogyna)
loureiro (Laurus nobilis)
erbedeiro (Arbutus unedo).
tezo (Taxus baccata),
acivro (Ilex aquifolium),
rebolo (Quercus pyrenaica),
carballo albar (Quercus petraea),
sobreira (Quercus suber),
olmeiro (Ulmus glabra),
cerdeira silvestre (Prunus avium)
castaño (Castanea sativa)
bidueiro (Betula celtiberica),
aliso (Alnus glutinosa)
salgueiros (Salix atrocinerea)
arraclán (Frangula alnus)
faia (Fagus sylvatica)

60.000 METROS CADRADOS E 3.500 ÁRBORES

A metodoloxía paisaxística seguida intentará reproducir as condicións que se puidesen dar no medio dun bosque real orientándonos cara a unha distribución máis naturalizada naturalizada. Para iso empregarase a distribución en triángulos equiláteros. As vantaxes desta fórmula son que nunha mesma superficie e coa mesma distancia entre pés hai espazo para un 15% máis de árbores.

A repoboación a realizar consta de 6 hectáreas aproximadamente, 60.000 metros cadrados, en total 3.500 árbores. A plantación será de modo manual e a planta con cepellón en envase.

Exit mobile version