Site icon Crónica3.com A Mariña

A cidadanía aposta pola compostaxe mentres a Xunta persiste na incineración, afrima ADEGA

Nota de prensa
A cidadanía aposta pola compostaxe mentres a Xunta persiste na incineración

Este mércores 11 de maio instalarase unha nova área de compostaxe comunitaria no parque das Lagoas, no concello de Bueu para tratar os residuos orgánicos dos veciños e veciñas do bairro e os restos de poda e sega dos parques. Con esta iniciativa a Mancomunidade do Morrazo e ADEGA pretendemos reducir a cantidade de residuos xerados, xestionalos no mesmo lugar onde se producen evitando o transporte e sensibilizar a poboación na reciclaxe de residuos así como implicala na resolución da problemática do lixo. Todo o contrario que a Xunta, que segue apostando pola incineración e vai reproducir o erro de SOGAMA cunha nova planta, ao parecer no concello de Dozón.

Novamente, amósase que Feijóo vai xusto en sentido contrario non só das Directivas europeas de residuos, ou da propia lei estatal que prima a redución e a compostaxe fronte á incineración, senón das demandas da cidadanía. Mentres a veciñanza, concellos e ecoloxistas comprometémonos con proxectos de redución e compostaxe, a Xunta, teima en tratar á cidadanía como parva impoñendo un Plano de Residuos ineficiente, insolidario, contaminante, non moi diferente a tirar e queimar o lixo no monte (e dende logo moito máis caro).
A isto hai que engadirle o escurantismo na tramitación da SOGAMA do Sur, que ao parecer caerá en Dozón, e a irregular xestión desta instalación da man do concurso eólico. Dende cando unha empresa eléctrica condiciona o eixo central da política de residuos dunha administración? Como é posíbel que a Xunta fomentara o troco de magawatios eólicos por incineradoras, deixando que unha empresa sen mediar concurso público, fixérase cunha instalación de 220 millóns de € para xestionar os recursos de todos?

ADEGA fai un chamado á cidadanía para que através das canles democráticas expresen a súa aposta modelos máis ecolóxicos, eficientes e solidarios na xestión dos residuos, rexeitando a incineración e o latrocinio de recursos públicos que representa o modelo SOGAMA.

Exit mobile version