Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Benestar de Burela reitera que hai incumprimentos da Xunta con dependentes

Nota de prensa

NEVES CANDO ASEGURA QUE O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO É MÁIS VENTAXOSO E ECONÓMICO PARA OS VECIÑOS QUE AS CANTIDADES FIXADAS POLA XUNTA. A EDIL NACIONALISTA CONSIDERA QUE COAS SÚAS MENTIRAS O PP DEMOSTRA QUE DESCOÑECE CÓMO FUNCIONAN OS SERVIZOS MUNICIPAIS.

Burela, 10 de maio de 2011. A concelleira de Benestar Social, Neves Cando, asegura que o servizo de axuda no fogar do Concello é máis ventaxoso e económico para os veciños que as cantidades fixadas pola Xunta. A edil nacionalista recalca que a diferenza acumúlase como remanente para o ano seguinte.

Neves Cando manifestou que “temos que decirlles aos veciños e veciñas de Burela que cando o PP fala de servizos sociais engana aos nosos veciños e esconde os incumprimentos da Xunta en canto ás prestacións que están esperando moitos dos nosos dependentes. O PP da moitos datos de expedentes resoltos, pero hai persoas que levan agardando un ano polos servizos que teñen concedidos despois de ser valorados como dependentes e a resposta do goberno popular é que non hai cartos para atendelos”.

A responsable de Benestar Social lembrou que “como denunciábamos nós hai uns días hai dependentes do noso concello que teñen recoñecido xa o seu grao de dependencia, pero non poden acceder aos servizos solicitados para que os seus familiares os coiden porque o goberno galego do PP os ten abandoados dicindo que non ten cartos, pero sí os ten para mercar, como fixeron hai unha tempada, sillas de 300 euros cada unha para a Cidade da Cultura”. Neves Cando pregúntase “de qué lles serve a estas persoas ter recoñecido o seu grao de dependencia, ter un papel onde se lles ofrecen os servizos aos que teñen dereito por lei cando despois se lles negan tras un ano de espera”.

A tamén tenente de alcalde de Burela referíuse aos reproches do PP de Burela “sobre o que din que deixamos de gastar no servizo de axuda no fogar e teño decirlles aos veciños e veciñas de Burela que neste tema o PP non sabe do que fala e demostra así que non coñece o funcionamento da lei de dependencia e os servizos municipais que esto conleva. Como responsable política destes temas voullo explicar unha vez máis, por lei por cada persoa dependente que ten concedido o servizo de axuda no fogar no Concello recibimos unha cantidade anual fixa por hora prestada, pero o noso servizo de axuda no fogar é máis barato para os nosos veciños que as cantidades que fixa a lei e os nosos dependentes teñen así que pagar menos. É dicir o noso servizo de axuda no fogar municipal é máis ventaxoso e económico para os nosos veciños que as cantidades fixadas pola Xunta e a diferenza acumúlase como remanente para o ano seguinte”.

Neves Cando explicou que “non deixamos de gastar cartos no servizo de axuda no fogar dos nosos dependentes, senón que ofrecemos este servizo a un prezo máis barato e así os nosos veciños pagan menos que noutros concellos, por certo algúns deles do PP. E o Partido Popular coas súas declaracións e mentiras demostra que descoñece como funcionan os servizos municipais e cómo se desenvolve a lei de dependencia, pero eso sí o goberno do PP na Xunta está privando a certos dependentes dos servizos aos que teñen dereito porque non considera prioritario isto e gasta os cartos noutras cousas”.

Exit mobile version