Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegación de Deportes da Deputación e o C.D. Burela FS asinaron un convenio por importe de 100 mil euros

Nota de prensa

ASINOUSE O CONVENIO ENTRE A DEPUTACIÓN E O CD BURELA FS PARA A PROMOCIÓN DO DEPORTE DE BASE

Antonio Veiga acompañou ao presidente do club, José Ramón González Casas, que asinou o convenio na sede social do Burela FS

BURELA, 9 de maio de 2011. O delegado de Deporte da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, estivo esta tarde na sede social do CD Burela FS, co presidente do club, José Ramón González Casas, que asinou o convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o CD Burela FS. Tamén estivo o director xeral do club, José Luís Sáez Castro.

O convenio que se asinou establece a concesión ao club burelao dunha subvención de 100.000 euros. Esta achega está contemplada no Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación para o ano 2011, e destinaranse a cubrir parte dos gastos da tempada do CD Burela FS. O club realizará coa cantidade concedida pola Área de Deportes da Deputación actividades de promoción do deporte de base, e participará nas competicións deportivas que correspondan.

Esta tarde, o delegado de Deporte fixo entrega ademais dun obsequio aos xogadores infantís Cristian García Méndez e Renato Lopes Furtado, que se proclamaron campións no Campionato de España de Seleccións Territoriais organizado pola Confederación Nacional de Fútbol Sala que se disputou nas localidades de Porriño e Ponteareas. O CD Burela FS está a experimentar un extraordinario crecemento en canto a masa social e expectativas deportivas, desde a mesma data da súa creación. O seu traballo polo deporte de base na Mariña é continuo, tanto por éxitos acadados como por actividades que realiza de fomento do deporte a todos os niveis.

Exit mobile version