Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta asegura que Fomento fixo sen a súa autorización o desvío en Lourenzá da A8 e pide que se modique

REFERENCIA

A XUNTA SOLICITA A FOMENTO QUE MODIFIQUE O DESVÍO EN LOURENZÁ DA AUTOVÍA DO CANTÁBRICO, FEITO SEN AUTORIZACIÓN AUTONÓMICA

Santiago, 12 de maio de 2011.- A Demarcación de Estradas do Estado en Galicia procedeu a executar o 3 de febreiro, sen autorización nin comunicación previa suficiente algunha á Xunta de Galicia, o desvío provisional en Lourenzá da Autovía do Cantábrico (A-8) coa N-634 a través da LU-153, eliminando o carril esquerdo do vial autonómico (sentido Masma-Lourenzá), co obxectivo de poder inaugurar ao dia seguinte os treitos Barreiros-Vilamar e Vilamar-Lourenzá da A-8, autovía que, segundo explicou hoxe a directora xeral de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a Xunta considera urxente e estratéxica.

A Xunta de Galicia advertiu ao Ministerio, cando tivo coñecemento dos seus novos plans, de que esta conexión supuña un cambio substancial respecto ao acordado anteriormente entre a administración autonómica, Fomento e a propia empresa construtora.

Porén, o Ministerio modificou unilateralmente a solución para as obras de conexión da autovía A-8 coa N-634 que fora consensuada entre ambas as dúas administracións, levando a cabo a eliminación do carril esquerdo da LU-153 (sentido Masma – Lourenzá) nese punto. Este feito provocou numerosas queixas dos veciños e do resto de usuarios/as da estrada autonómica, así como dos alcaldes dos concellos afectados (Lourenzá, Alfoz y Ferreira do Valadouro) xa que, ao non poder continuar pola LU-153 ata Lourenzá e ter que desviarse pola N-635, teñen que realizar un percorrido de ida e volta pola estrada nacional ata a glorieta construída como parte do futuro enlace de Lourenzá.

Ante esta situación, a Xunta solicitou o cambio da sinalización horizontal e vertical e que se retomase a solución establecida previamente á posta en servizo do tramo A-8. Para facer viable esta solución, tanto dende o punto de vista funcional como da seguridade viaria, propúñanse dúas opcións: ampliar a visibilidade, actuando sobre o noiro existente, e volver a dar prioridade ao tráfico que circula pola LU-153 fronte ao da N-634, xa que os/as usuarios/as vense obrigados practicamente a deterse debido aos elementos redutores de velocidade instalados.

Incumprir a normativa

Segundo informou a directora xeral de Infraestruturas na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas tamén contactou co Secretario de Estado de Planificación e Infraestruturas do Ministerio de Fomento o 24 de febreiro de 2011 a través dunha carta. Nela informaba que considera a A-8 unha autovía prioritaria e estratéxica e así mesmo requiría unha actuación urxente, ao entender que a posta en servizo do tramo de autovía non debía realizarse nin a costa de incumprir a normativa nin causando problemas de circulación que provoquen o malestar dos condutores que utilizan este vial autonómico, e, en consecuencia pedía que se ditasen as instrucións precisas para resolver a situación.

A directora xeral de Infraestrutura insistiu en que o mesmo día da inauguración, o 4 de febreiro de 2011, tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Lugo un oficio da Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia na que se remite documentación unicamente a efectos informativos e de coordinación entre ambas administracións, como titular da estrada LU-153.

A este efecto, destacou que “debemos informar que de conformidade co disposto no artigo 30 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, soamente poderán realizarse obras, actuacións ou instalacións na zona de dominio público da estrada cando a prestación dun servizo público de interese xeral así o esixa, de obras imprescindibles para acceder á estrada ou de instalacións provisionais por prazo fixado, previa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada”.

Exit mobile version